A Xunta colaborará en proxectos de cooperación da Fundación Elecnor achegando a súa experiencia en sectores vitais para Galicia

Luns 13 de Decembro de 2010

A Xunta colaborará en proxectos de cooperación da Fundación Elecnor achegando a súa experiencia en sectores vitais para Galicia

Alfonso Rueda reuniuse esta mañá cos representantes da Fundación para coñecer os seus proxectos de infraestrutura social, innovación tecnolóxica e formación en países en desenvolvemento

O Conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, mantivo esta mañá un encontro con representantes da Fundación Elecnor, na que exploraron vías de colaboración entre ambas entidades en materia de cooperación.

O conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mentres que pola parte da Fundación achegáronse ata a Xunta de Galicia o seu director, o astronauta Pedro Duque, e o seu secretario xeral, Fernando Aragonés.

Durante o encontro, os voceiros do Goberno galego coñeceron de primeira man os proxectos de infraestrutura social, innovación tecnolóxica e formación que a Fundación desenvolve en diferentes países en vías de desenvolvemento, especialmente en África Subsahariana e América Latina.

Neste sentido, o conselleiro ofreceuse a colaborar coa Fundación Elecnor, achegándolles a colaboración galega en sectores nos que a nosa Comunidade Autónoma poida ofrecer unha experiencia e coñecementos específicos, como poden ser a pesca ou a acuicultura.

Ademais, moitos dos países e dos obxectivos estratéxicos nos que actúa a entidade aparecen recollidos dentro do II Plan Director da Cooperación Galega 2010-2013, aprobado a mediados deste ano por unha unanimidade polos tres grupos parlamentarios, así como por todos os actores da cooperación galega.