A Xunta colabora nun proxecto tecnolóxico para facilitar a implicación das persoas con diversidade funcional no Camiño de Santiago

Mércores 27 de Xaneiro de 2010

A Xunta colabora nun proxecto tecnolóxico para facilitar a implicación das persoas con diversidade funcional no Camiño de Santiago

‘O Camiño dos Satélites’ busca facer accesible a ruta xacobea aos discapacitados mediante apoios tecnolóxicos e sociais. Vinte persoas con diversidade funcional, co músico Serafín Zubiri á fronte, percorrerán o camiño francés durante o próximo mes de outubro. O seguimento dos peregrinos mediante GPS e GPRS, a elaboración de informes de accesibilidade ou as audio-guías para persoas con diversidade funcional, entre as actividades programadas. “Este camiño supón un exemplo claro das enormes posibilidades de integración da tecnoloxía e as persoas”, apunta Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

A Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Modernización e Innovación Tecnolóxica, de Familia e Benestar, e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, colaborará no proxecto O Camiño dos Satélites que, promovido pola Fundación Tecnología Social, busca facer accesible a ruta xacobea as persoas con diversidade funcional.

Neste sentido, O Camiño dos Satélites, que nace con vontade de permanencia no tempo, promoverá durante este Ano Santo diversas iniciativas, entre as que destaca unha peregrinación a través do camiño francés. A mesma, encabezada polo músico Serafín Zubiri, sairá de Roncesvalles o próximo 2 de outubro, chegando a Santiago de Compostela o 3 ou o 4 de novembro.

Ademais, a iniciativa presentada hoxe incorporará, entre outras cousas, o tecnoloxía GPS e GPRS aos peregrinos participantes na devandita ruta, permitindo saber a súa precisa ubicación en cada instante. Os informes de accesibilidade ou as audio-guías para persoas con diversidade funcional, así como a emisión do documental El Camino con Serafín Zubiri, son algunhas das actividades que se desenrolarán grazas a este proxecto.

Todo para configurar un plan que, como apunta a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, configúrase como unha iniciativa con “especial relevancia”, supoñendo un “exemplo claro das enormes posibilidades de integración da tecnoloxía e as persoas”.

“As novas tecnoloxías –engadiu- constitúen un motor de innovación con capacidade potencial de transformar os nosos modos de vida. A inclusión dixital de todas as persoas e a aplicabilidade destas tecnoloxías para abrir máis oportunidades e romper muros que ata o de agora parecían infranqueables debe ser, sen dúbida, unha máxima no desenvolvemento tecnolóxico”.

Idea compartida, tamén, polo director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, quen sinalou a importancia dun proxecto que “vai contribuír a converter o Camiño de Santiago nun lugar accesible para todos, e moi especialmente para as persoas con diversidade funcional, que tamén teñen todo o dereito a desfrutar da experiencia única que a peregrinación polo Camiño de Santiago.

Así mesmo, explicou Santos, a iniciativa súmase “a outro traballo” que se ven facendo “dende fai anos”, como é a adecuación “do camiño francés” a todo tipo de peregrinos, contando xa “doce albergues accesibles, namentres que se está a traballar para incrementar día a día o seu número”. 

Unha colaboración decidida 
Pola súa banda, a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, fixo fincapé en que as novas tecnoloxías, especialmente as relacionadas coa informática e as comunicacións, “deben contribuír a dotar dunha maior autonomía ás persoas con discapacidade”. Por iso, sinalou que o Goberno galego apoia cunha “colaboración decidida” este programa.

“Desde a Consellería de Traballo e Benestar cremos que firmemente na integración social das persoas”, continuou López Abella. Para acadar este obxectivo, “faise necesario” dar pulo ás novas tecnoloxías, en tanto que constitúen unha “importante achega” á autonomía das persoas con discapacidade.

De feito, esta aposta polas novas tecnoloxías “ao servizo das persoas” verase recollida no I Plan Integral para as persoas con discapacidade, que se desenvolverá nos próximos anos, e no que se incardinan todas as políticas dirixidas a este colectivo.

Ademais, nesta senda da integración, “no que aínda queda camiño por percorrer”, a secretaria xeral de Familia e Benestar ofreceu a colaboración da Xunta de Galicia para traballar cos colectivos e cos movementos representativos das persoas con discapacidade.

Por último, López Abella felicitou aos investigadores, empresas e institucións que traballaron conxuntamente para levar adiante este proxecto.