A Xunta avoga por reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización

Venres 27 de Xaneiro de 2023

A Xunta avoga por reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización

• A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) asistiu hoxe á conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado”, no marco das actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)
• Sonia Rodríguez-Campos apelou á necesidade de transformar os perfís profesionais das administracións, requeríndolles aos empregados públicos habilidades que permitan actuar de xeito áxil ante novos modelos de xestión e procedementos
• No acto participaron tamén o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos, Manuel Arenilla Sáez, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez


A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, avogou hoxe por reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización e facer fronte á transformación tecnolóxica experimentada nas últimas décadas.

 
Así o manifestou na conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado” celebrada na EGAP en Santiago, na que estivo acompañada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez.

 
Sonia Rodríguez-Campos fixo especial fincapé na incorporación de ferramentas disruptoras derivadas da Intelixencia Artificial (IA), as API ou a aprendizaxe automática no sector público, “que supoñen un cambio de paradigma que nos conduce irremediablemente a unha nova Administración, unha Administración de datos”.

 
A directora da Escola destacou a necesidade de transformar os perfís profesionais das administracións, requiríndolles aos empregados públicos habilidades “que permitan actuar de xeito áxil ante novos modelos de xestión e procedementos”.

 
Neste contexto, a directora da EGAP subliñou o importante papel da formación, tanto no sector público coma no privado, “xa que os profesionais do futuro necesitarán non só coñecementos diferentes aos actuais senón tamén novas habilidades”.

 
Pola súa banda, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, puxo en valor a Estratexia Dixital 2030 de Galicia para consolidar a transición dixital na comunidade galega e que vai permitir crear un marco dixital que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxias e a suma de esforzos. Ademais repasou os grandes avances tecnolóxicos rexistrados en Galicia nos últimos anos, cun 96% da poboación que accede á Administración a través da vía electrónica e máis de 1,4 millón de cidadáns galegos que empregan o sistema de administración electrónica Chave 365.

 
Julián Cerviño lembrou os principais retos da Administración dixital no futuro, que pasan por avanzar de forma eficiente nos procesos administrativos, mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e facilitar as relacións entre a Administración e os cidadáns.

 
Na súa intervención, o catedrático Manuel Arenilla Sáez, autor do libro “La Administración digital”, afirmou que a revolución dixital é “unha oportunidade para refundar a Administración que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade”. O profesor apuntou que “non é posible que se produza a satisfacción efectiva das demandas cidadáns da Administración se non se produce un cambio na súa cultura, o seus principios e valores”.

 
Por último, o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez, destacou o papel da transformación dixital como unha estratéxica básica para aumentar a competitividade no sector privado, xa que permite incrementar a experiencia co usuario, promover a innovación de procesos e a mellora continua, facilitar a colaboración e a axilidade, a eficiencia e a trazabilidade.

 
A conferencia celebrada hoxe na EGAP iniciou o foro titulado “Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado”, un novo espazo de conversa e debate xurdido ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) e dirixido a fomentar o diálogo entre a esfera pública e privada en ámbitos importantes para a sociedade.