Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta avanzará no desenvolvemento da Historia Social Única Electrónica facilitando novos servizos en mobilidade

• O vindeiro ano porase en marcha a plataforma “Asiste”, integrada na HSUE, que facilitará o seguimento das actuacións sociais da administración e proporcionará servizos para os cidadáns e os seus familiares e coidadores
• A directora da Amtega visitou hoxe o CETISS de Minsait, filial de Indra, o centro do Gaiás desde o que a compañía desenvolve iniciativas innovadoras no ámbito sociosanitario
• A compañía anunciou o lanzamento dunha convocatoria para detectar ideas disruptivas no colectivo de emprendedores e startups que melloren a calidade de vida de maiores e colectivos vulnerables


A Historia Social Única Electrónica (HSUE) estenderase no 2020 aos dispositivos móbiles como axuda na atención ás persoas maiores, familias e coidadores. Así o adiantou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, durante a visita ao Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS) de Minsait, a filial de Indra, desde o que a compañía desenvolverá esta iniciativa. No acto participou tamén a conselleira directora xeral de Tecnoloxías da Información de Indra, Cristina Ruiz.

Segundo se avanzou no acto, a Xunta porá en marcha o vindeiro ano a plataforma “Asiste”, que integrada na Historia Social Única Electrónica (HSUE), facilitará aos profesionais sociais, coidadores e familiares, o seguimento das actuacións sociais, así como outros servizos de valor promovidos desde a Administración. “Asiste” contará cun asistente virtual, que a través de pictogramas e ferramentas de recoñecemento de voz facilitará a comunicación de xeito intuitivo.

Esta plataforma, que estará dispoñible para todos os cidadáns que teñan aberta unha historia social na Comunidade e se rexistren nela, facilitará a monitorizacion dos parámetros da súa actividade, biomedidas e xeolocalizacion. Os familiares e os coidadores autorizados terán acceso seguro a esta información  e recibiran avisos e alertas en tempo real ante calquera anomalía nos patróns de actividade da persoa.

A Historia Social Única Electrónica (HSUE) contribúe a axilizar a tramitación dos servizos e prestacións e a proporcionar  unha atención máis personalizada. Actualmente, a plataforma está dispoñible para os traballadores sociais de máis de 250 municipios e concentra as historias sociais en formato electrónico de máis de 650.000 cidadáns.

CETISS
A posta en marcha Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS) na Cidade da Cultura enmárcase no Pacto Dixital de Galicia, asinado por Indra xunto con outras 12 empresas tecnolóxicas en 2013. O Centro, no que actualmente traballan 40 persoas, concentra o desenvolvemento de iniciativas de innovación tecnolóxica para o envellecemento activo e empoderamento do paciente, a historia sociosanitaria, a tarxeta social ou o Fogar Dixital, entre outros. 

Ademais, o CETISS está concibido como un centro demostrador de produtos e solucións orientados a mellorar a asistencia e calidade de vida dos cidadáns, nalgúns dos cales Minsait e a Xunta de Galicia traballan na actualidade. É o caso da Historia Social Única Electrónica e da solución de Fogar Dixital. 

Outro obxectivo do CETISS é actuar como elemento dinamizador para a creación dunha comunidade estable entre empresa, universidade, institucións sanitarias e centros de I+D+i galegos, que promova a mellora continua e a innovación, tanto a nivel local como internacional. Ademais, prevese prestar servizos baseados nas solucións desenvoltas no centro a clientes doutras comunidades autónomas e países. 

Impulso ao  emprendemento en ámbito sociosanitario
No acto desta mañá anunciouse, ademáis, o lanzamento dunha convocatoria para detectar ideas disruptivas que impulsen o emprendemento tecnolóxico e o desenvolvemento de novas empresas (startups) no ámbito sociosanitario. A convocatoria será lanzada ao longo deste ano desde Indraventures, o vehículo en torno ao cal se articula a innovación corporativa de Indra, contará coa colaboración da Amtega e será canalizada desde o CETISS, 

Esta convocatoria estará aberta a todo o ecosistema innovador nacional e mesmo internacional, desde emprendedores ou estudantes a universidades, empresas xurdidas doutras (spinoffs) e centros tecnolóxicos, entre outras, para a presentación de iniciativas de negocio de base tecnolóxica en distintas fases de madurez, incluídas as que se atopan en fase semente. As propostas gañadoras recibirán apoio económico e asesoramento para a súa aceleración durante seis meses, dentro e fóra de Galicia

Desde a súa posta en marcha en 2017, Indraventures analizou máis de 700 startups e facilitou a Indra acordos con algunhas delas. A través de Indraventures, Indra tamén lanzou coa Xunta de Galicia a primeira edición da aceleradora especializada no sector aeroespacial BFAero e co Cabildo de Gran Canaria unha convocatoria para apoiar ideas innovadoras vinculadas aos seus retos como illa intelixente.