A Xunta avanza na modernización da xustiza coa implantación do expediente dixital electrónico e a extensión dos servizos dixitais

Martes 19 de Novembro de 2013

A Xunta avanza na modernización da xustiza coa implantación do expediente dixital electrónico e a extensión dos servizos dixitais

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, lembrou que se investirán 5 millóns de euros ata 2015 froito dun convenio entre o Goberno do Estado e o galego

A Xunta de Galicia está levando a cabo unha serie de actuacións en materia tecnolóxica co fin de acometer a modernización da Xustiza de xeito que se acade un servizo público máis moderno e eficaz. Nunha comparecencia parlamentaria, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, asegurou que se está traballando de xeito prioritario na implantación do expediente dixital electrónico e no desenvolvemento de servizos dixitais no ámbito xudicial, tal como se reflicte no convenio asinado hai uns meses entre a Xunta e o Goberno do Estado.

Froito deste acordo, ata o ano 2015 investiranse un total de cinco millóns de euros para a implantación das novas tecnoloxías na Administración de Xustiza de Galicia. Así mesmo o texto contempla o desenvolvemento conxunto dun novo Sistema Integrado de Xustiza e recolle que o bilingüismo será un requisito esencial dentro do mesmo.

Respecto ao expediente dixital electrónico, o director xeral de Xustiza asegurou no Parlamento que a conversión a dixital de todos os autos en papel debe facerse con todas as garantías de seguridade e integridade da información. Para iso está previsto crear o arquivo dixital electrónico, que permitirá o almacenamento e a xestión do ciclo de vida completo dos documentos electrónicos. Ademais, a través deste arquivo poderase acceder a un expediente desde calquera tipo de dispositivo electrónico e facilitará a ubicación física, traslado e expurgas de documentos.

Respecto á Sede Electrónica Xudicial, Juan José Martín explicou que será accesible desde o portal de servizoswww.exustiza.es, e facilitará a comunicación entre os cidadáns e os profesionais da xustiza. Así, vía electrónica, poderán presentarse escritos, publicarse edictos, facer notificacións, poxas electrónicas, consultas personalizadas de expedientes, verificación de documentos e consulta de rexistros, entre outros.

Así mesmo, o director xeral de Xustiza aludiu á Axenda Dixital de Galicia 2014.gal, como referente para o desenvolvemento económico e social de Galicia a través da integración das TIC en todos os ámbitos da sociedade. No que atinxe ao eido da Xustiza, Juan José Martín lembrou que a Xunta ten en marcha o Plan Senda 2014, que inclúe a renovación e mantemento das infraestruturas TIC nos xulgados, a dotación dos medios informáticos necesarios para axilizar os trámites e mellorar e facilitar o traballo, a adaptación de sistemas de información e de sistemas de seguridade e a formación para mellorar os coñecementos técnicos do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, entre outros.