A Xunta avanza na estratexia para o uso da Tecnoloxía Cloud no sector público autonómico

Xoves 16 de Decembro de 2021

A Xunta avanza na estratexia para o uso da Tecnoloxía Cloud no sector público autonómico

• O Consello do Goberno galego aprobou hoxe un acordo marco que permitirá iniciar a primeira fase da Estratexia Cloud autonómica, poñendo en marcha un modelo de cloud privada que se situará no Clúster Data Centers Gaiás-Sionlla
• No primeiro trimestre de 2022 aprobarase un novo contrato marco para crear un modelo de consumo de servizos de cloud pública, que poderán contratar as administracións públicas
• Enmárcase nas medias de reforzo de infraestruturas tecnolóxicas da Xunta, que aposta unha Estratexia mixta de cloud pública e privada que axilice a adopción de tecnoloxías avanzadas no sector público
• A Estratexia Cloud da Xunta tamén busca atraer investimentos para o que se fomentará a localización en Galicia de nodos de interconexión cos grandes provedores de cloud pública
• Con este obxectivo estase a elaborar una análise de viabilidade para a posible posta en marcha dunha estación de amarre de cable submarino de fibra óptica cun punto de xestión neutro en Galicia


O Consello do Goberno galego aprobou hoxe un acordo marco para a avanzar no uso da tecnoloxía cloud no sector público. É un paso máis no reforzo das infraestruturas dixitais da Administración autonómica, que optará por un módulo mixto de cloud pública e privada que axilice a adopción de tecnoloxías avanzadas no sector público. Así se recolle no informe Estratexia Cloud do Sector Público Autonómico elevada hoxe ao Consello da Xunta pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

A adopción do modelo cloud computing (computación na nube) é unha oportunidade para obter un servizo máis eficiente, sostible e de calidade aliñado coas tendencias de infraestruturas tecnolóxicas a nivel global.  

O contrato marco aprado hoxe, por un importe de ata 12,4 millóns de euros, permitirá avanzar na primeira fase da Estratexia Cloud do Sector Público Autonómico, a posta en marcha dun modelo de cloud privada (para o sector público se situará no futuro Clúster Data Centers Gaiás-Sionlla). As vantaxes que achega este modelo son o aforro de custos, eliminando redundancias e duplicidades na adquisición de infraestruturas propias; melloras na eficiencia e na xestión das infraestruturas tecnolóxicas, grazas homoxeneización e automatización que proporcionan as solucións cloud; aforro de tempos na implantación de proxectos; melloras na dispoñibilidade; compartición de recursos entre entes públicos; melloras na produtividade, na accesibilidade e na seguridade.

O seguinte paso será a implantación dun modelo de consumo de servizos de cloud pública para o que se prevé a aprobación dun novo acordo marco no primeiro trimestre do 2022 por un importe de 10 millóns de euros. Grazas a este modelo as administracións públicas poderán contratar diferentes servizos de cloud pública en función do proxecto ou as necesidades que teñan a través de contratos derivados do acordo marco.

Apostarase por solucións e aplicacións desenvolvidas con tecnoloxías disruptivas e crearase unha oficina de proxectos especializada e que coñeza os diferentes servizos proporcionados polos diferentes provedores de cloud pública para realizar labores de consultaría e asesoramento a aquelas entidades e organismos públicos que desexen desenvolver este tipo de proxectos.

Atracción de investimento
Ademais, a Estratexia Cloud da Xunta tamén busca atraer investimentos de provedores cloud o que se fomentará a localización en Galicia de nodos de interconexión cos grandes provedores de cloud pública. Ademais, con este mesmo obxectivo tamén se está a elaborar una análise de oportunidade e viabilidade para a posible posta en marcha dunha estación de amarre de cable submarino de fibra óptica cun punto de xestión neutro en Galicia. 

En caso de que a análise concluíse coa viabilidade do proxecto a Administración autonómica estaría disposta a acometer o investimento para a creación da estación de amarre de cable submarino, sempre que haxa interese no mercado, para o que se  está a levar a cabo unha sondaxe no sector .