Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta avanza a creación dun nodo de ciberseguridade galego

• A directora da Amtega inaugurou hoxe a última xornada do Foro Cybersec@gal, centrada na seguridade dixital na empresa
• Sinalou que Galicia quere reforzar as súas capacidades nas tecnoloxías disruptivas que marcarán a vindeira década
• Lembrou que o vindeiro ano porase en marcha o centro GaiásTech facilitar o seu posicionamento do ecosistema dixital galego nesas novas tendencias tecnolóxicas
• Avogou pola cooperación entre institucións, empresas e sociedade para facer fronte ao reto de vivir nunha contorna segura
• Lembrou a aposta do Goberno galego neste ámbito, tanto a nivel interno, como cara o exterior con iniciativas de asesoramento para empresas e concienciación para a cidadanía


A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que no contexto de transformación dixital a ciberseguridade é esencial porque “nos xogamos vivir nunha contorna segura”. A responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou esta mañá a última xornada do Foro Cybersec@gal, organizado impulsado pola cátedra R en Ciberseguridade e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática.

Na súa intervención, Pereira sinalou que Galicia mira ao futuro e a Europa e por iso vén de aprobar a creación dunha nova estratexia para o período 2030, que pivota sobre a implantación das tecnoloxías disruptivas na Comunidade. 

Nodo de ciberseguridade
Sinalou que o vindeiro ano porase en marcha o centro GaiásTech para dar servizo ao ecosistema dixital galego e que actuará de coordinador da rede de nodos de especialización tecnolóxica de Galicia. Neste sentido lembrou que a Comunidade xa conta cun nodo 5G e avanzou a creación dun nodo especializado en ciberseguridade e avogou pola cooperación entre institucións, empresas e sociedade para facer fronte ao reto de vivir nunha contorna segura. 

Respecto ao papel da Xunta, destacou o labor desenvolvido tanto a nivel interno como para cidadáns e empresas. Como Administración pública que custodia unha gran cantidade de información sensible destacou o labor desenvolvido para garantir a seguridade dos servizos dixitais e lembrou a recente ampliación do Plan de Seguridade Tecnolóxica e cun orzamento de máis de 10 millóns de euros ata o 2021. 

Respecto das medidas de acompañamento ao tecido empresarial, Mar Pereira apuntou iniciativas como o Reacciona TIC, en colaboración co Igape, que ofrece asesoramento a empresas para a súa dixitalización, incluíndo aspectos para mellorar a súa seguridade. Ademais, destacou as actuacións de concienciación para a sociedade e indicou que se está a pechar unha nova liña de colaboración co Incibe neste ámbito.


Cátedra R
Mar Pereira aproveitou a súa intervención para felicitar á Cátedra R por buscar a colaboración entre universidades e institucións para buscar e reter talento no ámbito da ciberseguridade en Galicia. Esta Cátedra, a primeira cátedra interuniversitaria de Galicia, desenvólvese en colaboración coas Universidades de Vigo (UVIGO) e da Coruña (UDC) e Fundación Euskaltel Konekta. Persegue basicamente promover o desenvolvemento de competencias profesionais do alumnado e mellorar a capacitación dos membros da comunidade universitaria. A idea é adaptar todo ese potencial de coñecemento e preparación ás necesidades da empresa fomentando, en paralelo, a formación continua, a innovación e a investigación na área da Ciberseguridade.