Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta aposta por impulsar as telecomunicacións en Galicia como instrumento de desenvolvemento económico e factor de vertebración social

Mar Pereira sinala o Plan director de telecomunicacións, a implantación do e-goberno, a dinamización do uso das TIC e o fomento do sector empresarial da sociedade da información como prioridades da actuación do Executivo autonómico Remarca a posta en marcha da nova web institucional da Xunta, que reforza a súa misión como canle de información e servizos públicos para a sociedade Avanza a apertura do portal iMIT para divulgar todas as actividades en materia de Sociedade da Información que se están a impulsar desde o Goberno galego

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, subliñou hoxe a aposta da Xunta por impulsar as telecomunicacións en Galicia como instrumento de desenvolvemento económico e factor de vertebración social. Pereira puxo en valor os proxectos en materia de novas tecnoloxías do Executivo autonómico durante o acto de inauguración na Coruña do evento itinerante Movimiento Avanza, un proxecto integrante do Plan Avanza que o Ministerio de Industria desenvolve en Galicia en colaboración coa Xunta, e que se atopa xa na súa segunda fase.

A secretaria xeral remarcou o compromiso da Xunta co desenvolvemento da Sociedade da Información, tendo como eixes da súa actuación o Plan director de telecomunicacións, a implantación do e-goberno, a dinamización do uso das TIC e o fomento do sector empresarial da Sociedade da Información.

Na súa intervención, Mar Pereira afirmou que a Xunta quere robustecer as telecomunicacións non só como instrumento para acadar novas oportunidades a nivel nacional e internacional, senón tamén para lograr a cohesión social interna, que definiu como imprescindible para construír a Galicia única na que todos os cidadáns teñan igualdade de oportunidades.

Nese marco situou o deseño da Estratexia global de telecomunicacións na que traballa o Executivo galego, e que suporá o investimento de máis de 260 millóns de euros nesta lexislatura, incluíndo o Plan director de banda larga, o despregamento da TDT, a modernización das redes de telecomunicacións da Xunta e a mellora das redes de alta capacidade para a comunidade científica.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica lembrou que Galicia continúa a ser unha das comunidades menos desenvolvidas no acceso aos servizos de telecomunicacións, polo que a Xunta se marcou o obxectivo de dar resposta a esta demanda social, garantindo o acceso á banda larga a todos os galegos cunha capacidade e custo axeitados.

Impulso ao e-goberno en todas as administracións
En relación coa implantación da administración electrónica ou e-goberno, Mar Pereira subliñou que está a supor a posta en marcha de importantes proxectos de modernización dos servizos públicos coa colaboración de concellos e deputacións, ademais de actuacións integrais de dinamización do uso das novas tecnoloxías, especialmente nas pequenas empresas e autónomos.

A responsable de Modernización lembrou a recente posta en marcha da nova web da Xunta (www.xunta.es), un primeiro paso de cara á converter o portal institucional na ferramenta de referencia da Administración fronte á cidadanía, co obxectivo de reforzar a súa misión como canle de información e servizos públicos para a sociedade.

Ademais, a titular de Modernización anunciou a apertura do sitio web http:imit.xunta.es, Iniciativas de Modernización e Innovación Tecnolóxica iMIT, como espazo de referencia na comunicación e divulgación das diversas actividades que se están a impulsar desde o Goberno galego en materia de Sociedade da Información.

A secretaria xeral salientou que esta iniciativa ten a súa razón na estratexia que en materia de promoción, desenvolvemento e difusión da Sociedade da Información e as Comunicacións está a xogar a Xunta, unha estratexia integradora na que o seu departamento xoga o papel fundamental de desenvolver e coordinar todas as iniciativas.

Ferramentas para un modelo de crecemento competitivo
Mar Pereira sinalou que o Plan director de banda larga, que terá a súa execución en 2010, e a iniciativa e-goberno farán un especial fincapé nos sectores que acumulan un maior retraso tecnolóxico, sobre todo Educación e Xustiza. Ademais, puxo en valor a creación da nova Rede galega de centros (Telecentros) de servizos á Sociedade da Información e a posta en marcha dun centro demostrador de software para PEMES. Deste xeito, apuntou que a Xunta procura contribuír a un modelo de crecemento baseado no aumento da competitividade e da produtividade, na promoción da igualdade social e a mellora do benestar dos cidadáns.

Pereira destacou que con estes proxectos, Galicia será unha das primeiras comunidades autónomas en dar cumprimento ao chamamento feito pola Comisión Europea aos estados membros e aos gobernos rexionais para que adopten, non máis tarde de 2010, programas específicos para o desenvolvemento das TIC na nosa Comunidade.