A Xunta ampliará o uso da Chave 365 a persoas non residentes en España e incorporará a identificación por videoconferencia

Mércores 25 de Maio de 2022

A Xunta ampliará o uso da Chave 365 a persoas non residentes en España e incorporará a identificación por videoconferencia

• A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia publicou hoxe o proxecto de orde que permitirá estas modificacións, e que está aberto a suxestións ata o 16 de xuño
• Ambas medidas buscan ampliar e simplificar este sistema de claves concertadas que permite a tramitación online coa Administración autonómica
• Actualmente más de 1,4 millóns de galegos empregan Chave 365, un 400% que no mesmo período do ano anterior
• O 85% dos galegos e galegas que tiveron que facer xestións coa Xunta en 2021 optaron por realizalas online


Facilitar e ampliar o uso da Chave 365  é un dos obxectivos da Xunta para estender o uso da Administración electrónica entre a cidadanía. Por iso a Administración autonómica modificará a orde que rexe este sistema de claves concertadas para facilitar a identificación por videoconferencia e posibilitar os seu uso por persoas non residentes España.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia publica hoxe no portal de transparencia o proxecto de orde que permitirá estas modificacións e que está aberto a suxestións ata o vindeiro 16 de xuño.

Unha das modificacións do sistema é habilitar a identificación do usuario de Chave 365 a través de videoconferencia, evitando a identificación presencial nunha oficina de rexistro ou a través da sede electrónica cun DNI electrónico.

Por outra banda para facilitar o uso de Chave 365 por parte de persoas non residentes en España que non dispoñan de NIF o sistema creará un identificador co que poderán acceder.

O Servizo Chave 365 entrou en funcionamento no ano 2015 para simplificar a xestión telemática  ante a dificultades de uso do certificado electrónico

Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica, ben nunha oficina de rexistro da Xunta, ou, en breve, a través de videoconferencia.

Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que emprega xunto co seu NIF, ou un identificador no caso de non residir en España e non dispoñer de NiF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión,  introduce a clave de acceso, o NIF ou o identificador na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.

 

Uso da eAdministración

A dia de hoxe 1.428.556 dispoñen de Chave 365 rexistrando no 2021 un incremento de máis do  400% respecto ao ano anterior. Ademais o 85% dos galegos e galegas que tiveron que facer xestións coa Xunta en 2021 optaron por realizalas online. Son máis dun 8% respecto ao ano pasado e preto dun 60% respecto a 2019. Así o recolle o sistema de indicadores da Administración Dixital, accesible desde o Portal de Transparencia da Xunta, que reflicte a evolución de uso e implantación dos diferentes servizos dixitais da Administración autonómica.

As notificacións electrónicas, que o usuario pode recibir no móbil en lugar de en papel a través da caixa de correo, incrementáronse máis dun 37% no último ano pasando máis de 888.00 en 2019 a máis de 1,2 millóns en 2021