Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta activa novas convocatorias para facilitar a mellora da competitividade das empresas a través do programa ReAcciona

As pemes que queiran optimizar os seus procesos no eido da Industria 4.0 poderán acollerse á nova convocatoria do programa ReAcciona TIC, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia
O próximo 5 de febreiro publicarase unha nova convocatoria do programa Reacciona para proxectos de mellora en ámbitos como a profesionalización de equipos e transformación de procesos industriais
A Xunta mediante estas dúas iniciativas concedeu durante o último ano axudas por 2,3 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en pemes galegas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, activa novas convocatorias do programa ReAcciona para as empresas que queiran mellorar a súa competitividade. A Xunta, mediante os programas ReAcciona e ReAcciona TIC ¬–que se desenvolveu nun marco de colaboración Igape-Amtega–, concedeu durante o último ano axudas por 2,3 millóns de euros para impulsar máis de 500 plans de mellora en pemes galegas.

A presentación de solicitudes de axudas para a nova convocatoria do programa ReAcciona TIC, ao amparo das bases reguladoras publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), estará aberta desde mañá ata o 1 de marzo. Con posterioridade, activaranse ao longo do ano outras tres convocatorias, nas que o Igape oferta a realización de servizos de asistencia, diagnóstico e soporte na implantación de solucións de empresa dixital e Industria 4.0 a pemes galegas.

De xeito paralelo, o próximo 5 de febreiro quedará activada a próxima convocatoria do programa ReAcciona, que ten entre os seus obxectivos prioritarios o de apoiar a profesionalización dos equipos directivos e de xestión das empresas, de cara ao seu crecemento e internacionalización.

Os servizos que se ofrecen co programa ReAcciona abranguen tamén aspectos como a construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial, a optimización da xestión financeira, a modernización da produción e cadea loxística ou o asesoramento para o relanzamento comercial, entre outros.

Coas axudas para a implantación de proxectos de mellora das pemes, que se conceden a través do programa ReAcciona, cofinanciado ao 80% con fondos Feder, a Xunta reafirma o seu compromiso de impulsar melloras na xestión nas pequenas e medianas empresas, en ámbitos como o financeiro, a produción, o comercial, o da comunicación ou o do deseño estratéxico, que potencian as súas posibilidades de crecemento e internacionalización.