A Xunta achega as aplicacións prácticas da intelixencia artificial á cidadanía a través dunhas xornadas formativas

Venres 16 de Setembro de 2022

A Xunta achega as aplicacións prácticas da intelixencia artificial á cidadanía a través dunhas xornadas formativas

• A formación está destinada a persoas maiores de 55 anos que poderán coñecer as aplicacións prácticas da IA e a súa capacidade para mellorar o día a día
• As xornadas terán lugar nas aulas CeMIT de Vigo e A Coruña de forma presencial, o 20 e o 23 de setembro e en streaming o día 29 desde o GaiásTech
• Esta iniciativa enmárcase nas actuacións impulsadas polo Nodo Galicia Intelixencia Artificial
• Galicia é unha rexión pioneira en Europa na discusión sobre un marco ético e normativo para a intelixencia artificial
• A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e as tres universidades galegas están a elaborar o “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes”


“A Intelixencia Artificial no día a día” é o título das xornadas formativas, impulsadas polo Nodo Galicia Intelixencia Artificial, para achegar as vantaxes da IA á cidadanía. Destinadas a persoas maiores de 55 anos estas sesións terán lugar de xeito presencial nas aulas de Vigo e Coruña os días 20 e 23 de setembro respectivamente, e o día 29 retransmitirase en streaming desde o Centro GaiásTech da Cidade da Cultura.

O obxectivo desta formación é analizar as nocións e características básicas da Intelixencia artificial, o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso a un público que non ten coñecementos específicos na materia. As sesións estrutúranse en cinco bloques, un introdutorio para contextualizar a IA na evolución tecnolóxica dos últimos anos e como este cambio de paradigma afecta ao día a día das persoas. Ademais, abordarase un diálogo cos asistentes formulando preguntas sobre o emprego da IA na vida cotiá para rematar cunha explicación teórica sobre esta tecnoloxía.

No segundo bloque afondarase no día a día das tecnoloxías intelixentes, expoñendo a súa contribución á sociedade, casos prácticos de uso, identificación de barreiras e riscos e posible evolución desta tecnoloxía.

A parte máis práctica concéntrase no terceiro bloque no que os asistentes poderán adquirir as competencias necesarias para o uso de ferramentas que empregan IA como o móbil, os asistentes persoais, os tradutores instantáneos ou a xeración de imaxes a través de palabras.

O cuarto bloque está destinado á  regulación da Intelixencia artificial que se centrará en porqué é necesaria a regulación e cal é o enfoque normativo e regulador da Unión Europea, Goberno de España e Comunidade Autónoma, que está a avanzar neste sentido. Finalmente, o peche da sesión servirá para resolver dúbidas e inquietudes dos asistentes a través dun formulario interactivo.

 

Inscricións

Os interesados en participar nestas actividades poden inscribirse a través dos seguinte enlaces:

 

Galicia rexión pioneira na discusión sobre un marco ético e normativo para a IA

O pasado mes de abril a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, iniciaba cos grupos de investigación das tres universidades galegas a elaboración do “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes.

Esta iniciativa enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), aprobada en xuño de 2021, que promove o despregamento en Galicia dunha IA de vangarda, ética e segura, que contribúa á soberanía dixital de Europa. Cómpre lembrar que esta Comunidade  xunto con Valencia a Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que dispoñen dunha estratexia propia para a aplicación da Intelixencia Artificial.

Galicia é tamén a primeira Comunidade española en deseñar un sistema de indicadores propio para avaliar a evolución da implantación destas tecnoloxías nun marco estratéxico.