Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Xunta abre unha nova convocatoria de axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas

• Desde mañá e ata o 31 de xaneiro de 2019 poden realizar a súa solicitude empresas e autónomos que non dispoñan de acceso a internet de cando menos 30 Mbps
• A Xunta destinará 600.000 euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
• É a segunda convocatoria desta liña de axudas enmarcada no Plan de Banda Larga da Xunta, que complementa á actuación lanzada en 2016 para dotar de conexión a internet de ata 350Mbps a 81 polígonos industriais


Dende mañá e ata o 31 de xaneiro empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida.  Esta nova convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, é unha das actuacións do Plan de Banda Larga 2020, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para a estender de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.

Nesta nova convocatoria os interesados poderán presentar solicitude de forma individual ou en agrupación de empresas, co obxecto neste segundo caso de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos situados en localizacións próximas.

Tras unha primeira liña de subvencións a empresas e autónomos con 500.000 euros en axudas en 2017, a Amtega destina a esta segunda convocatoria outros 600.000 euros máis. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por proxecto. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.

Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
 

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 31 de xaneiro dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.

Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.


Outras actuacións para a extensión de redes ultrarrápidas

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, puxo en marcha  en xullo de 2016 unha primeira actuación para conectar en dous anos un total de 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.

Deste xeito, tralo remate do mes de outubro de 2018 hai un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.

Ademais, o Plan da Xunta conta con outra actuación que comezou neste ano 2018 para despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Cun investimento público, que subvenciona o 90% dos custos do despregamento, facilitarase o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, que beneficiarán a máis de 258.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño.
 

Plan de Banda Larga 2020

O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.