A Xunta abre a convocatoria para as axudas dirixidas á consolidación e estruturación de centros tecnolóxicos

Mércores 14 de Agosto de 2019

A Xunta abre a convocatoria para as axudas dirixidas á consolidación e estruturación de centros tecnolóxicos

• A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 5,4 millóns de euros a esta medida que pretende incentivar a transferencia de resultados de investigación e capacidades tecnolóxicas ao mercado
• O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria -na que hai un mes de prazo para a presentación de solicitudes- que se presenta como unha vía para a atracción e retención de talento
• A iniciativa súmase ás axudas para adquisición de infraestruturas dirixidas a estes mesmos centros e aos contratos programa coas fundacións de investigación sanitaria de Galicia e dos centros galegos de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de apoios para a consolidación e estruturación dos centros tecnolóxicos de Galicia á que destinará un total de 5,4 millóns de euros. Os interesados poden presentar as súas solicitudes ata o 13 de setembro.

En concreto, poden concorrer os nove que existen en Galicia e que figuran no rexistro estatal do Ministerio: Aimen, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Anfaco-Cecopesca, Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), EnergyLab, Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), o Centro Tecnolóxico da Auga (Cetaqua) e o Clúster de Acuicultura de Galicia (Cetga).

Esta actuación ten como finalidade incentivar a transferencia de resultados de investigación, de coñecemento e de capacidades tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos ao mercado co fin de acadar un impacto na competitividade das empresas galegas e, así, xerar coñecemento.

As axudas distribúense en función de varios indicadores que valoran a perspectiva financeira, de resultados, excelencia e de igualdade de xénero de cada centro. Os requisitos de acceso ao financiamento están baseados nestes indicadores de actividade, centrados prioritariamente na capacidade para transferir resultados á empresa e, polo tanto, contribuír de maneira decisiva na competitividade e o crecemento da economía galega.

Os conceptos subvencionables son custos de persoal investigador ou de apoio, material bibliográfico e funxible e custos de formación do persoal do centro tecnolóxico, entre outros. Deste xeito, configúranse como unha vía para a atracción e retención de talento mediante actuacións centradas no capital humano: contratación e consolidación de persoal de I+D así como formación.

A medida refórzase cos 2,62 millóns de euros que a Xunta destina a contratos programa coas fundacións de investigación sanitaria de Galicia -Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), Fundación Biomédica Galicia Sur e a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica- e cos centros galegos de investigación do Instituto Español de Oceanografía (IEO) e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Estas axudas enmárcanse na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) co obxectivo de captar financiamento, apoiar o talento galego e impulsar a transferencia de resultados da investigación ao mercado. Súmase a outras iniciativas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que teñen como destinatarios principais os centros tecnolóxicos e de investigación e innovación.