Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Xunta aborda a transcrición automatizada das vistas para avanzar na implantación efectiva do expediente xudicial electrónico

• É unha das liñas de actuación do Plan Senda 2020 para facilitar a automatización dos procesos e mellorar a experiencia dos profesionais
• Tamén se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais, doutros actos procesuais así como dos expedientes doutras administracións
• Este ano prevese alcanzar as 40 salas de vistas integramente dixitais
• Xa se presentaron online máis de 1.100 demandas online a través da sede electrónica xudicial e estase a pilotar a descarga online das vistas para profesionais


A Xunta está a analizar as ferramentas tecnolóxicas que permitan a transcrición automatizada das vistas, unha solución que evitaría a visualización completa dun xuízo cada vez que se precise consultar un testemuño ou un momento concreto da vista. Así o avanzou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na súa intervención no Encontro de presidentes de Salas do Contencioso Administrativo dos Tribunais Superiores de Xustiza de España, hoxe na Coruña.

A directora da Amtega lembrou que Galicia ten en marcha todas as pezas do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) e que agora se traballa para conseguir a súa implantación efectiva, con medidas para mellorar tanto automatización dos procesos como a experiencia dos profesionais do eido xudicial.

Así, xunto coa transcrición automatizada das vistas, Mar Pereira avanzou que se está a abordar a integración electrónica dos expedientes de vistas orais e doutros actos procesuais así como  a integración electrónica  dos expedientes doutras administracións. 

Salas de vistas dixitais
A responsable da Amtega sinalou que a implantación da administración xudicial electrónica vai  acompañada da dotación e renovación continuada do medios tecnolóxicos e da incorporación de novos servizos dixitais para profesionais e cidadáns

 Actualmente, preto do 90% das salas de vistas dispoñen do sistema  eFidelius, integrado coa sinatura electrónica e o 100% dos partidos xudiciais contan con acceso a videoconferencia, con 113 equipos distribuídos polo territorio.

En 2018 púxose en marcha unha nova modalidade de salas de vistas (Salas  EXE) orientadas á celebración da vista nun contexto completamente dixital. Está implantada en 10 salas e este ano alcanzaranse outras 30.

Demandas e descargas de vistas online 
Os galegos poden presentar online, a través da sede xudicial electrónica. procedementos monitorios, unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador. Está dispoñible no 100% dos partidos xudiciais desde o segundo semestre de 2018 e xa se presentaron máis de 1.100 monitorios online. 

A través de https://sede.xustiza.gal os cidadáns tamén poden facer un seguimento do procedemento e consultar os expedientes xudiciais dos que son parte través do espazo “a miña carpeta”, que durante 2018 rexistrou máis de 11.000 accesos.

Para os profesionais a sede xudicial está a ofrecer novas funcionalidades como as descargas de vistas online, que se está a pilotar en tres órganos xudiciais.

Sinatura Dixital
O 51% dos órganos xudiciais ten habilitada a sinatura dixital a día de hoxe. Xunto coa extensión da sinatura dixital outra das medidas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico foi a posta á disposición de maxistrados, letrados, fiscais e funcionarios a consulta online de calquera expediente xudicial a través do Visor, unha solución única e  multidispositivo, que está implantada xa desde 2018 na totalidade dos órganos xudiciais galegos. O ano pasado o visor rexistrou 43.000 visitas, un 34% máis que en 2017.

Os expedientes en formato electrónico albérganse no repositiorio unificado xudicial que centraliza nun  único punto toda a información xudicial, datos e documentos que se xera diariamente na tramitación de calquera procedemento en calquera órgano xudicial. 

Plan Senda
Conseguir un plena dixitalización da xustiza e consolidar a implantación do Expediente 
Xudicial Electrónico (EXE), cuxas pezas están todas en marcha na Comunidade. Ese é o obxectivo principal do Plan Senda 2020, que se puxo en marcha en 2015 cunha dotación de máis de 26 millóns de euros. 

As súas actuacións estanse a levar a cabo a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en colaboración cos profesionais do ámbito xudicial galego e nun marco de cooperación interadministrativa co Goberno do Estado.