A VIII Xornada de Informática Xudicial trae a Galicia o último en blockchain, ciberseguridade e privacidade

Sábado 06 de Outubro de 2018

A VIII Xornada de Informática Xudicial trae a Galicia o último en blockchain, ciberseguridade e privacidade

• Terá lugar o 10 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo CPETIG e a Amtega

O vindeiro 10 de outubro terá lugar na Cidade da Cultura #IURISTICGAL18, a VIII Xornada de Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega).

Nesta VIII edición a xornada leva como título Privacidade, blockchain e ciberseguridade e os seus contidos, estruturados en catro relatorios e unha mesa redonda, están orientados a afondar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas.

A sesión abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros diariamente, no que representa unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes..

Para presentar unha visión integral do entorno, #IURISTICGAL18 reunirá un panel de expertos nas distintas materias. Santiago Márquez Solís, CTO en Clluc e autor do libro “Bitcoin: guía completa de la moneda del futuro”, ofrecerá o relatorio “Blockchain e a  lei”. Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, falará de “Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información”. Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional, intervirá sobre “Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital”, completándose o panel de relatores con Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, e a súa intervención  “Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria. ¿É suficiente? ¿Como podemos mellorar?”

A xornada rematará coa mesa redonda: “Quo vadis seguridade TIC-xurídica?”,  moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico de IURISTICGAL18. Finalmente, unha comida networking, á que asistirán os relatores e o público participante, poñerá fin á xornada.

Dotar de maior seguridade xurídica a realidade tecnolóxica                                        

O obxectivo de #IURISTICGAL18 é contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial e dos profesionais da xustiza, mediante o uso das ferramentas electrónicas e forenses avanzadas. Con esta perspectiva, a xornada está dirixida a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral.

Toda a información e formalización de inscricións en http://iuristicgal.cpetig.gal