A revista Socinfo premia o Plan Senda da Xunta para integrar as TIC no eido xudicial galego

Sábado 09 de Maio de 2015

A revista Socinfo premia o Plan Senda da Xunta para integrar as TIC no eido xudicial galego

A estratexia TIC para a Xustiza está a ser desenvolvida pola Amtega en colaboración coa Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A revista Socinfo premiou á Xunta de Galicia pola súa estratexia para integrar as TIC no eido Xudicial. A publicación recoñeceu co premio “Admistración Xudicial Electrónica 2015” as medidas do Plan Senda, desenvolvido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza da Vicpresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os galardóns foron entregados esta semana o transcurso do seminario “TIC na Modernización da Xustiza” celebrado en Madrid. A decimoprimeira edición destes premio recoñeceu tamén iniciativas estatais como os sistemas Lexnet e SIRAJ e actuacións neste ámbito dos gobernos autonómicos de Cataluña, Canarias e Andalucía.

Senda
O Goberno galego asumiu en 2009 o reto de integrar as TIC no eido xudicial en Galicia para acadar unha xustiza máis áxil e próxima ao cidadán. Con este obxectivo púxose en 2009 en marcha o Plan de Medidas Urxentes para para dar resposta ás necesidades máis inminentes e subsanar unhas deficiencias históricas en materia tecnolóxica neste ámbito. O seguinte paso foi o Plan Senda 2010-2014, a folla de ruta para integrar as TIC na Xustiza

Cinco anos despois e cun investimento de máis de 23 millóns de euros conseguiuse dotar á xustiza galega dunha infraestrutura tecnolóxica máis robusta grazas á renovación de servidores, a ampliación de capacidade da liñas e a dotación de liña de respaldo en todos os órganos xudiciais.

Tras acadar un avance significativo mellorando as infraestruturas, os medios e o equipamento tecnolóxico do eido xudicial coas medidas do Plan Senda 2014, Galicia conta agora cos instrumentos necesarios para lograr a implantación efectiva do Expediente xudicial Electrónico. Este é un dos principais obxectivos do novo Plan Senda 2020, para facer realidade a tramitación completa dun procedemento por medios telemáticos nun marco de interoperabilidade con todas as entidades do ámbito xudicial e co resto de Administracións e Entidades Públicas relacionadas.