Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Rede de centros CeMIT contribuirá ao achegamento das novas tecnoloxías aos cidadáns de xeito máis eficiente e con maior calidade

A creación da nova rede resposta á necesidade de coordinar as actuacións en materia de alfabetización dixital e desenvolvemento da sociedade da información, integrando aos axentes implicados baixo unha estratexia de actuación clara e definida.

A Rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para promover iniciativas encamiñadas a impulsar as TIC, así como as políticas de goberno en ámbitos como a empregabilidade, a competitividade empresarial, a e-inclusión ou a e-Administración.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o acordo polo que se establecen as condicións xerais para a posta en marcha da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT, que coordinará as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a internet dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia dirixidas a acadar a alfabetización dixital da sociedade galega e o desenvolvemento da Sociedade da Información.

Tanto os 60 centros da Rede de Dinamización da Sociedade da Información (RDSI) como os 56 telecentros da Rede de Telecentros de Comunicación (RTC), actualmente existentes, se puxeron en marcha co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías á poboación, facilitar a inclusión dos colectivos menos favorecidos e impulsar o uso das TIC nas pemes e micropemes. Ademais, o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar ofrece aos profesionais do sector privado, ocupados ou en busca de emprego, formación técnica de alto nivel relacionada co mundo das novas tecnoloxías.
 
Neste contexto e ante a inexistencia dun elemento que vertebre as iniciativas existentes e integre aos axentes implicados cunha estratexia clara e definida, xurde a necesidade dun modelo único que coordine as distintas actuacións levadas a cabo polos centros da RDSI e da RTC en materia de alfabetización dixital e desenvolvemento da sociedade da información e permita o aproveitamento do CNTG como referente na formación das novas tecnoloxías de alto nivel baixo as premisas de eficiencia e calidade.
 
Cómpre definir e desenvolver a Rede CeMIT, cunha imaxe de marca propia, na que participen todas as administracións afectadas e que serva como elemento xerador de crecemento e desenvolvemento económico no marco das directrices da Estratexia Galega da Sociedade da Información. Tamén se concibe como un instrumento que permita vertebrar territorial e socialmente a Galicia a través da creación de condicións de acceso igualitario ás novas tecnoloxías.
 
A Rede Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a sociedade da Información en Galicia e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e e-Administración. A nova rede desenvolverase cunha imaxe de marca propia na que participen todas as administracións afectadas e que serva como elemento xerador de crecemento e desenvolvemento económico no marco das directrices da Estratexia Galega da Sociedade da Información.
 
A Rede CeMIT posibilitará a adhesión de todos aqueles centros que dispoñan das infraestruturas necesarias, en particular os centros pertencentes á Red de Telecentros de España ubicados en Galicia e, en xeral, ás bibliotecas, centros cívicos, asociacións, fundacións, etc. que conten cos medios precisos para a súa incorporación. Así mesmo, a rede contará co apoio permanente da Dirección Xeral de Administración Local no desenvolvemento da Administración electrónica na Comunidade.
 
Máis de 100 cursos no 2010
Os centros CeMIT ofrecerán ao longo deste ano máis de 100 cursos de 14 categorías diferentes nos 94 concellos nos que ten presenza a rede. Os diferentes servizos teñen como público obxectivo cinco colectivos: a cidadanía, na que se inclúen os desempregados, maiores inmigrantes, mulleres, persoas con discapacidade e maiores; os profesionais das TIC, tanto ocupados como desempregados; as empresas, micropemes e autónomos; os empregados públicos; e os axentes territoriais, colectivo que agrupa aos servizos municipais, asociacións civís, empresariais, Ongs, Anpas etc.
 
A oferta de servizos da Rede comprende tres áreas, a formativa que pode ser presencial (cursos e obradoiros) ou on-line (básica ou multimedia); de difusión con charlas e xornadas de sensibilización e divulgación das actuacións dos centros; e o servizo de “aula aberta”, que posibilitará o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento dos centros co apoio e asesoramento dos dinamizadores.
 
Os usuarios da Rede CeMIT poderán mellorar as súas habilidades na área de novas tecnoloxías en temas como a orientación laboral, as redes sociais, o comercio e banca, ocio e servizos da rede, a Administración Electrónica, a xestión de empresas, equipamento TIC e conectividade, ofimática, seguridade TIC, alfabetización dixital, multimedia e audiovisual, comunicacións TIC, deseño gráfico e tratamento de imaxes e formación TIC avanzada. Preto de 3.000 horas de formación para achegar as novas tecnoloxías a toda a sociedade galega.