Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A rede de Aulas CeMIT prevé superar os 96.000 usuarios o vindeiro ano

• Desde a súa creación en 2011 ofreceu máis de 370.000 horas de formación en TIC
• É un dos instrumentos chave do Plan de Inclusión Dixital de Galicia e xa conseguiu, cun ano de antelación, o obxectivo proposto en 2016 de superar a porcentaxe do 75% de galegos que acceden a Internet
• De cara a vindeira década xogará un papel fundamental para facilitar a acreditación do futuro Marco de Competencias Dixitais
• A directora da Amtega agradeceu ao axentes TIC, dinamizadores e formadores da Rede o seu labor, nun encontro que tivo lugar na hoxe na Cidade da Cultura


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizou hoxe unha Xuntanza de Dinamizadores CeMIT baixo o lema “Traballando no Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020”, destinada aos axentes TIC da Rede de Aulas CeMIT de toda Galicia, que tiveron a oportunidade de expoñer os seus proxectos e intercambiar ideas.

Dende os seus inicios en 2011, a Rede CeMIT planificou máis de 370.000 horas de formación en TIC en diferentes niveis e, actualmente, conta con máis de 90.400 usuarias e usuarios rexistrados. Ao longo de 2020 está previsto superar os 96.000 usuarios e realizar máis de 35.000 horas de formación e 2.500 actividades.

A contribución da Rede ao incremento no acceso a Internet
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou o encontro agradecendo aos responsables das aulas CeMIT, formadores e dinamizadores o labor na capacitación dixital dos galegos.  Neste sentido, a responsable da Axencia autonómica destacou que se cumpriu cun ano de adianto o obxectivos proposto hai tres anos de superar a porcentaxe do 75% dos galegos que acceden a Internet. Os últimos datos do INE sitúan esta porcentaxe xa no 84% a día de hoxe

Mar Pereira resaltou especialmente o incremento no acceso a internet entre os maiores de 55 a 64 anos, que creceu 15 puntos, só no último ano, e lembrou que entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal na Comuniade.

Tamén adiantou que a Rede CeMIT continuará sendo un instrumento fundamental para para acreditar os coñecementos en base ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, que aprobará proximamente o Goberno galego. 

Xornada de balance e intercambio de ideas
Ao longo da maña, as instalacións da Cidade da Cultura convertéronse nun espazo para fomentar a metodoloxía de traballo participativa e colaborativa que, a través da experiencia da realidade do día a día da Rede, axude a debuxar novas propostas, novos retos e dar impulso á figura de “axentes do cambio” dos dinamizadores das aulas CeMIT.

Ademais, fíxose balance dos traballos realizados e obxectivos acadados no marco do Plan de inclusión Dixital, identificáronse as actuacións programadas para o horizonte 2020, e tamén se presentaron as novidades da Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), no correspondente ao Marco de Competencias Dixitais de Galicia e ao papel da Rede CeMIT neste novo contexto.

A Rede CeMIT e o Plan de Inclusión Dixital
A  Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos e 53 comarcas e está integrada por 98 aulas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. 

A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento e conta con máis de 800 aliados dixitais. 

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de cursos, charlas e outras actividades. 

Paralelamente, os centros da Rede contan cun servizo de “titorización”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios e usuarias para a utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.