A rede CeMIT impartirá despois do verán os cursos do plan ofimático de Galicia e realizará as probas para obter o certificado Codix

Sábado 10 de Maio de 2014

A rede CeMIT impartirá despois do verán os cursos do plan ofimático de Galicia e realizará as probas para obter o certificado Codix

Esta semana publicouse no DOG a orde que autoriza á Rede a ofrecer este itinerario formativo e a obtención do Codix.

O certificado de competencias dixitais en ofimática, que emite a Amtega, acredita a formación neste materia da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada.

A Rede de Centros para Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartirá despois do verán os cursos do Plan Ofimático de Galicia, necesarios para a obtención do certificado de competencias dixitais en ofimática (CODIX), que emite a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O CODIX acredita a formación neste materia da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada

A partir de setembro a Rede CeMIT incluirá no seu plan de formación as actividades que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade.

Os usuarios da Rede poderán acceder a esta formación a través de tres modalidades: de xeito presencial, nas aulas CeMIT.; mediante a teleformación no portal CeMIT, a través de quendas titorizadas e nas datas que se determinen ou ben na modalidade autoformación utilizando recursos externos á Rede.

Poderán acceder á formación titorizada presencial ou telemática as persoas maiores de 16 anos inscritas como usuarios da Rede CeMIT. A modalidade de autoformación realizarase independientemente polas persoas interesadas, mediante unha aprendizaxe autónoma ou ben a través doutros centros ou entidades de formación.

Unha vez superados os cursos do Plan Ofimático os interesados en obter o certificado de competencias dixitais en ofimática deberán superar unha proba de avaliación presencial nas aulas.

Acreditación dos responsables das aulas
A Amtega vén de convocar a formación para que tanto para os responsables da aulas CeMIT como de entidades colaboradoras da Amtega obteñan a certificacións galega en competencias dixitais en ofimática. O vindeiro luns, día 12, remata o prazo para inscribirse neste itinerario formativo que se completará no mes de xullo coa proba de avaliación.

A partir de setembro, unha vez acreditados os formadores as aulas, convocarase un curso aberto á cidadanía para que poidan acceder á formación do Plan Ofimático e ás probas de acreditación do CODIX desde a Rede CeMIT.

A Rede CeMIt
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.