A rede CeMIT facilita o encontro dos nenos galegos con Papá Noel a través de videoconferencia

Sábado 07 de Decembro de 2013

A rede CeMIT facilita o encontro dos nenos galegos con Papá Noel a través de videoconferencia

Máis de 1.700 rapaces de 33 concellos galegos participarán nesta iniciativa entre o 11 e o 20 de decembro desde as aulas CeMIT dos seus municipios

Máis de 1.700 rapaces duns 30 centros educativos das catro provincias poderán falar con Papá Noel a través de videoconferencia grazas a unha iniciativa da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), que se desenvolverá entre o 11 e o 20 de decembro.

Un ano máis a Rede CeMit aproveita estas datas para brindar aos nenos de diversas localidades a oportunidade de manter unha videoconferencia con Papá Noel na que poderán pedirlle os seus regalos de Nadal. Este intercambio de mensaxes comezará o mércores 11 de decembro con escolares de Valga, Monforte de Lemos e Betanzos, que serán os primeiros en poder falar con Papa Noel en tempo real desde as aulas Cemit destas vilas.

Por toda Galicia
Ata o día 20 inclusive Papá Noel estará, a través de videoconferencia, cos nenos e nenas dos concellos de Abegondo, Barreiros, Betanzos, A Cañiza, Carballedo, Catoira, Celanova, Cerceda, A Estrada, Ferrol, Fisterra, A Fonsagrada, Foz, Manzaneda, Marín, Moaña, Monforte de Lemos, Mugardos, Muros, Negreira, Ortigueira, Ourense, Pontedeume, Quiroga, Ribadeo, Santa Comba, Sarreaus, Valga, Verín, O Vicedo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e Xunqueira de Ambia.

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro de Educación Especial Miño de Ourense, a Fundación de Discapacitados de Negreira ou o Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen, acurtando distancias e facendo posible a comunicación entre diversas localidades nun mesmo proxecto común.

A Rede CeMIt
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.