A Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet cun vídeo no que usuarios, voluntarios e axentes TIC destacan as vantaxes de vivir conectados

Domingo 17 de Maio de 2020

A Rede CeMIT celebra o Día Mundial de Internet cun vídeo no que usuarios, voluntarios e axentes TIC destacan as vantaxes de vivir conectados

• Forma parte da iniciativa lanzada desde a Rede e o Programa de Voluntariado Dixital baixo o lema “Conectad@s estámolo conseguindo”
• As aulas públicas, presentes en 92 concellos galegos, seguen programado actividades online durante o confinamento

A Rede CeMIT, xunto co Programa e Voluntariado Dixital (Voldix), impulsados pola Axencia para a  Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebran este ano o Día Mundial de Internet coa iniciativa “CeMIT e Voldix contigo: Conectad@s estámolo conseguindo!". Trátase dun vídeo colaborativo onde axentes TIC, persoas voluntarias e usuarios da Rede CeMIT contan como a tecnoloxía lles axuda a levar o confinamento como consecuencia do Covid-19.

 

Este ano todos os actos do #diadeinternet estanse a celebrar online, permitindo que calquera cidadán poida participar neles desde a súa casa. O  tema central das actividades é destacar o papel da Internet e da tecnoloxía na crise sanitaria.

 

Actividades das Aulas  

As aulas da Rede CeMIT sumáronse a diferentes iniciativas para conmemorar o Día de Internet como a colaboración coa Asociación Somos Digital para difundir a oferta de seminarios en liña e webinars con expertos sobre tecnoloxía en tempos de Coronavirus durante toda esta semana. Esta actividade buscaba sensibilizar á sociedade galega sobre as posibilidades do uso da Internet así como da redución da fenda dixital e do fomento do uso seguro e responsable.

 

Tamén se ofreceu a posibilidade de participar no #RetoScratch para crear un videoxogo e participar na iniciativa Súmate ao Reto ODS dirixido a formadores e educadores co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre como poden utilizar Internet e os dispositivos tecnolóxicos de forma sostible e contribuír así aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

 

Ademais, as actividades en liña programadas desde a Rede CeMIT contan cunha oferta moi variada que abrangue temáticas como o manexo de ferramentas para a realización de videoconferencias e aulas virtuais, buscadores e consellos de navegación, protección de dispositivos electrónicos, iniciación á informática, trámites electrónicos en liña, uso do smartphone, edición de imaxes, ferramentas de control parental, manexo das redes sociais, etc.

 

A Rede CeMIT e o Programa de Voluntariado Dixital

A Rede CeMIT conta coa colaboración de 92 concellos e está presente nas 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital.

 

O Programa de Voluntariado Dixital conta con preto de 600 persoas voluntarias dixitais que coa súa solidariedade achegan a tecnoloxía á poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.

 

A rede CeMIT e Voldix son os principais instrumentos do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para ofrecer á cidadanía recursos de alfabetización e capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.