Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Oficina Agraria Virtual de Medio Rural recibiu máis de 400.000 visitas no que vai de ano 2011

O conselleiro Juárez deu a coñecer hoxe os últimos datos desta ferramenta informática, que o sector agropecuario galego usa de xeito masivo como medio útil, cómodo e rápido para relacionarse coa Administración e facer trámites

O titular da Consellería presentou o boletín ‘Medio Rural’, nova canle de comunicación deste departamento da Xunta cos diferentes axentes do agro

A Oficina Agraria Virtual (OAV) da Consellería do Medio Rural recibiu no que vai de ano máis de 400.000 visitas, centradas en tarefas de xestión da actividade cotiá dunha explotación. Delas, destacan as 300.000 altas por nacemento de gando, 30.000 solicitudes de marcas identificadoras, 36.000 declaracións de movemento, máis de 3.000 peticións de guías de traslado e 700 cambios de datos persoais, entre outras xestións. Estes datos foron facilitados hoxe polo propio titular deste departamento, Samuel Juárez, cando se cumpre un ano da presentación desta ferramenta virtual.

O conselleiro salientou que esta oficina consolidouse xa como unha referencia fundamental para o sector agropecuario galego, que na actualidade utiliza de xeito masivo esta ferramenta como medio útil, cómodo e rápido para relacionarse coa Administración autonómica e realizar todo tipo de trámites. Para Juárez, a OAV reflicte, de feito, a confianza do medio rural galego no seu futuro.

Novos proxectos

O conselleiro do Medio Rural destacou, ademais, que esta oficina (dispoñible no enderezo webhttp://mediorural.xunta.es/institucional/oficina_virtual/oficina_virtual/) segue a medrar con novos proxectos. Así, explicou, nas vindeiras semanas estarán a disposición dos gandeiros os libros de explotación e os documentos de traslado de gando informatizados.

Boletín

Na presentación destes datos, Samuel Juárez deu a coñecer unha nova canle de comunicación da Consellería cos diferentes axentes do agro galego en xeral. Trátase do boletín “Medio Rural”, cuxo primeiro número ven de ver a luz e que pretende, segundo o conselleiro, converterse nunha porta permanentemente aberta (a través do formato clásico en papel e tamén on line, na web da Consellería) a tódalas mulleres e homes do rural galego.

Esta publicación ten unha múltiple orientación, indo dirixida tanto aos técnicos, investigadores e expertos nos ámbitos agrícola, gandeiro e forestal como ao público en xeral. A idea é que se poida coleccionar como unha escolma útil de información para arquivar e consultar, en calquera momento. Ao tempo, o boletín quere ser un escaparate das iniciativas máis destacadas que se levan a cabo no medio rural galego. Neste sentido, no seu primeiro número incorpora unha reportaxe sobre a empresa “Caurelor”, que se dedica á fabricación e venda de castañas no Courel, e que ten a virtude de elaborar produtos unicamente con froitos desta serra da provincia de Lugo, cun proceso de fabricación cen por cento artesanal e ecolóxico.

Esta iniciativa recibiu na pasada edición dos premios Agader (que concede a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural) a distinción especial para mozos. Tamén se inclúe unha reportaxe da “Granxa o Cancelo”, situada no concello coruñés de Miño e que se distingue como exemplo de proxecto integral de desenvolvemento rural, xa que ademais de producir leite presta especial atención á formación do persoal técnico cualificado e aposta polas novas tecnoloxías, con presenza nas redes sociais. Busca, ademais, que os beneficios xerados pola produción de leite repercutan no medio rural, favorecendo a creación de emprego de calidade e fixando poboación.

Sectores produtivos

Esta nova publicación do departamento que dirixe Samuel Juárez recolle tamén completos informes sobre sectores produtivos, entre eles unha ampla radiografía do último quinquenio das explotacións lácteas. Abórdanse, ademais, diferentes artigos elaborados polo propio persoal técnico da Xunta e centrados en ámbitos como a sanidade e a seguridade das producións ou o medio natural.

Así, no eido da sanidade, publícase unha reportaxe que explica polo miúdo os labores de loita contra a pulguiña do carballo desenvolvidos por Medio Rural e que permitiron erradicar esta ameaza para a riqueza forestal galega en máis de 12.500 hectáreas, con actuacións en 23 concellos de Lugo e Ourense nos que se declarou a existencia desta doenza. Tamén se da a coñecer que Galicia mantén baixo control a lingua azul, doenza practicamente erradicada hoxendía na nosa Comunidade tras un intenso traballo de Medio Rural en materia de prevención, inspección e vacinación que permitiu minorar os efectos da enfermidade na cabana gandeira, sendo a mortalidade moi inferior en comparación coa rexistrada noutras zonas da Península e propiciando que en todo o ano 2010 non fora detectada a doenza en Galicia.

Recursos naturais

Outras reportaxes deste primeiro número describen polo miúdo os valores e recursos naturais do Parque das Illas Atlánticas e da reserva da biosfera do Xurés, dando conta tamén das accións promovidas por Medio Rural para recuperar o solo en montes queimados, que supuxeron un investimento de preto de medio millón de euros para atallar os procesos erosivos nos terreos afectados polo lume, coa utilización de técnicas pioneiras.

O boletín de Medio Rural ábrese cunha ampla reportaxe sobre a marca de calidade do leite Galega 100% e inclúe tamén, ademais de diferentes novas institucionais, unha entrevista co director xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, o chantadino José Manuel Silva Rodríguez, quen recentemente estivo de visita en Galicia, acompañando ao comisario europeo de Agricultura, Dacian Ciolos.