A nova aula CeMIT da mancomunidade do Ribeiro facilitará o acceso as novas tecnoloxías a máis de 6.000 veciños

Mércores 27 de Xuño de 2012

A nova aula CeMIT da mancomunidade do Ribeiro facilitará o acceso as novas tecnoloxías a máis de 6.000 veciños

Trátase dun espazo de 80 metros cadrados equipado con 12 postos informáticos, un posto de profesor e sistema de videoconferencia profesional

A Rede CeMIT, integrada por 98 aulas e presente en 92 concellos, facilita o acceso ás TIC a todos os cidadáns en igualdade de condicións

O Plan de Banda Larga da Xunta duplicou en dous anos a porcentaxe de veciños con acceso á internet na Comarca do Ribeiro, do 46 ao 95 por cento

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inauguraron hoxe en Beade a nova aula CeMIT da Mancomunidade do Ribeiro e o novo edificio administrativo no que está ubicada.

No acto estiveron presentes tamén os alcaldes da Mancomunidade do Ribeiro e os eu presidente, Francisco José Fernández, o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, e o alcalde de Verín Juan Manuel Jiménez, quen a través de videoconferencia desde a aula CeMIT do seu concello deu a benvida ao centro.

A nova aula CeMIT do Ribeiro ocupa un espazo de 80 metros cadrados dotado con 12 postos informáticos de traballo, 2 dispoñibles para o acceso libre a Internet e equipo profesional de videoconferencia. Coa posta en marcha deste centro, no que a Xunta investiu 93.000 euros cofinanciados con Fondos Feder, cúmprese o compromiso de que cada galego teña un aula CeMIT a menos de trinta minutos do seu lugar de residencia.

Os máis de 6.000 habitantes da Mancomunidade do Ribeiro, integrada polos concellos de Arnoia, Beade, Cenlle,Cortegada e Leiro, teñen neste centro a posibilidade de acceder de balde ás novas tecnoloxías e coñecer as súas vantaxes e aplicacións. O conselleiro de Presidencia destacou a importancia de que os concellos compartan servizos para gañar en eficacia, como fai neste caso coa rede CeMit os da Mancomunidade do Ribeiro, que xa colaboran en servizos como a recollida do lixo, os servizos sociais, a cultura ou a Protección Civil, entre outros.

A aula CeMIt é unha das dependencias do novo Edificio Administrativo da Mancomunidade do Ribeiro no que se centralizarán os servizos que presta este ente público supramunicipal. A sede da Manocomunidade, que se acaba de rematar, contou con financiamento da Xunta a través da Consellería de Traballo, que sufragou un obradoiro de emprego con 130.000 euros, e cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural de 250.000 euros.

3.000 cursos gratuítos en toda a Rede CeMIT en 2012
A Rede CeMIT, presente en 92 concellos e con 98 aulas, é un dos elementos fundamentais para facilitar o acceso ás novas tecnoloxías a todos os cidadáns en igualdade de condicións.

Conta cun Plan de Formación que en 2012 triplica a oferta do ano pasado con 3.000 cursos gratuítos. Ademais, tamén se prevé incrementar en preto do 50 por cento o número de usuarios acadando os 15.000 ao longo do ano.

O Plan presta especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, pero ofrece tamén formación especializada aos profesionais TIC e información específica para pemes e micropemes sobre as vantaxes que as TIC teñen para mellorar a xestión e os seus procesos produtivos. O Goberno galego segue a apostar polas novas tecnoloxías, co convencemento de que é investir nas TIC redundará nunha mellora a nivel económico e produtivo para Galicia.

Plan de Banda Larga
Por iso, o primeiro esforzo do actual Goberno galego neste ámbito centrouse en facilitar o acceso a Internet a todos os galegos. A posta en marcha hai dous do Plan de Banda Larga posibilitou a conexión á Rede a máis de 460.000 persoas que carecían de cobertura. Entre eles máis de 9.000 veciños da Comarca do Ribeiro que antes do inicio do Plan non tiñan acceso a Internet.

Nesta comarca o Plan duplicou a porcentaxe de poboación con cobertura de Internet, pasando do 46 por cento existente en 2010 a máis do 95 por cento a día de hoxe. A finais de 2012 ampliarase a cobertura ao 97 por cento dos veciños do Ribeiro e completarase en 2013 con conexión vía satélite para as zonas con máis dificultades orográficas.