Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A iniciativa impulsada pola Xunta e o Concello de Santiago para mellorar a conectividade no casco histórico entra na fase final coa activación das primeiras conexións nas rúas do Franco e do Vilar

• O operador Orange vén de iniciar o proceso para que esta semana os veciños destas rúas poidan dar de alta este servizo
• Unha vez comprobado o correcto funcionamento nestas primeiras vivendas, e o control da instalación das acometidas individuais, ampliarase o servizo de forma progresiva a outras rúas
• O despregamento conta cun investimento privado de 2,4 millóns de euros e o seu alcance esténdese a todo o ámbito do Plan Especial do casco histórico


A iniciativa impulsada pola Xunta e o Concello de Santiago para facilitar o despregamento de fibra óptica no casco histórico de Santiago entra na recta final esta semana, unha vez que operador Orange vén de iniciar o proceso para activar as primeiras altas de servizo nas rúas do Franco e do Vilar. Tras comprobar o correcto funcionamento da nova rede nestas primeiras unidades inmobiliarias, iranse incorporando outras rúas nas próximas semanas co obxectivo de cubrir toda a área o máis axiña posible. Nesta fase resulta fundamental o control da instalación das acometidas individuais de cada unidade inmobiliaria para seguir a garantir a máxima protección patrimonial neste paso final do despregamento.

Esta é a última fase do proxecto impulsado pola Amtega, o Concello de Santiago e a dirección xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade  para facilitar o despregamento de redes de telecomunicacións nesta zona especialmente protexida. O primeiro paso foi a elaboración dun catálogo de solucións técnicas, ao que seguiu o lanzamento dunha consulta pública a operadores, que concluíu o pasado mes de xuño coa solicitude de licencia de despregamento por parte de Orange.

Desde entón, o operador veu desenvolvendo os traballos necesarios para dotar da infraestrutura fixa de telecomunicacións aos inmobles do conxunto histórico, cun investimento de 2,4 millóns de euros. Este despregamento levouse a cabo utilizando caixas de baixo impacto visual nas fachadas e as canalizacións soterradas existentes 

Cómpre lembrar que esta iniciativa abrangue todo o ámbito do Plan Especial, non só a améndoa do casco histórico. O proxecto contempla, tamén, a obriga na compartición de infraestruturas, o que permitirá a outros operadores poder dar servizo no conxunto histórico utilizando as redes de Orange. 

Catálogo de Solucións, unha referencia a nivel europeo
O Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia foi  elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.

Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos.