Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A iniciativa ‘Big ciencia’ de Economía e Industria remata mañá na Coruña convertendo o Muncyt no taboleiro xigante dun concurso científico

A sede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (Muncyt) será este sábado escenario desta actividade coa que se achega a innovación á cidadanía combinando o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato

Tras celebrarse en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, esta iniciativa de divulgación pecha a súa xira na Coruña retando os galegos e galegas a poñer a proba os seus coñecementos científicos

Os interesados na espectacular tecnoloxía que se utilizará durante o xogo poderán coñecela de cerca nun taller práctico que se celebrará no lugar con anterioridade ao concurso

A Coruña será mañá escenario de Big Ciencia, un novidoso concurso popular sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria que ao longo deste mes de decembro converteu as fachadas dos edificios máis emblemáticos das cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo.

A cita será a partir das 18.30 horas de mañá na Praza do Museo Nacional. O xogo será proxectado sobre a fachada do edificio Prisma de Cristal, sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (Muncyt), que se converterá nunha enorme pantalla. Tras celebrarse o pasado día 11 na Praza do Obradoiro de Santiago, o 14 en Lugo, o 20 en Ourense e o 21 en Vigo, a xira do Big Ciencia pecha mañá na Coruña. O concurso está a tomar as principais rúas das cidades durante o Nadal e nel participan todos os cidadáns que se animan a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é achegar a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa cidade. Esta acción de divulgación conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

Taller práctico sobre a tecnoloxía que fará grande o concurso

A gran novidade do Big Ciencia radica en que o taboleiro de xogo, no que se proxectarán a gran escala as preguntas e as respostas, é a fachada dun céntrico edificio da cidade na que se está levando a cabo o evento, o que converte cada acción en única.

Isto é posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico e que permitirá a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica totalmente innovador e de grande impacto visual.

Ademais, todos os interesados nesta tecnoloxía audiovisual terán a posibilidade de coñecela de preto nun taller práctico que se realiza nas horas previas ao concurso. O de mañá na Coruña celebrarase desde as 17.45 h. da tarde nas inmediacións do Muncyt.

Para todos os públicos

A mecánica do Big Ciencia será moi sinxela co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Precisamente este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que ten o obxectivo de enganchar desde un principio dada a súa axilidade.