A factura e a licitación electrónicas aforrará custes e tempos a Administración e usuarios e non limitará a concurrencia

Luns 11 de Xaneiro de 2010

A factura e a licitación electrónicas aforrará custes e tempos a Administración e usuarios e non limitará a concurrencia

Un novo rexistro garantirá ao longo de febreiro o pago das facturas en 45 días, 15 menos que a esixencia legal. Este sistema de facturación electrónica permitirá simplificar os trámites, aforrar custes e reducir os tempos tanto de xestión como de cobramento dos proveedores. Na contratación poderánse presentar ofertas vía telemática nun proceso que vai desde a publicación do anuncio ata a sinatura do contrato.

A implantación da factura e da licitación electrónicas permitirá un importante aforro de custes e tempos tanto para a Administración autonómica como para os usuarios, segundo salientou hoxe a conselleira de Facenda, Marta Fernández Curras, quen confirmou que ao longo de febreiro estará operativo un rexistro que permitirá pagar no obxectivo marcado por este Goberno de 45 días aos proveedores, 15 menos que a esixencia legal.

A titular de Facenda avanzou que se levará a cabo unha campaña de implantación destes novos modelos, tanto no ámbito interno da administración como cos posibles clientes, cunha plataforma de teleformación e con accións a través de Cámaras de Comercio e Confederacións empresariais.

Ademais, a secretaria xeral e do Patrimonio, Rosa María Pedrosa, precisou que este sistema non limitará a concurrencia das empresas ás licitacións, pois convivirán ambos modelos, o ordinario e o telemático e o seu emprego será opcional, se ben indicou que a Xunta impulsará a progresiva utilización do sistema electrónico.

Rosa Pedrosa asegurou que este proceso será moi sinxelo e toda empresa que dispoña tan só dun ordenador poderá acceder e presentar as súas ofertas sen ningún tipo de problema, e cun considerable aforro de cartos e tempo ao suprimir os papeis e os envíos postais.

Pola súa banda, o director do Cixtec, Mauro Fernández, indicou que o éxito destas implantacións telemáticas dependerá en grande medida de que as empresas se vaian implicando pouco a pouco nestes procesos. Un obxectivo ambicioso sería pasar do actual 17% ao 50% no uso da facturación electrónica por parte dos proveedores da Administración autonómica.

O Consello da Xunta de Galicia aprobou o pasado 8 de xaneiro o decreto que regula o uso dos medios electrónicos, informáticos e telemáticos nos procesos de contratación co fin de mellorar a eficacia e eficiencia e reducir os tempos tanto de xestión como de cobramento dos proveedores.

Modernización da Administración
En concreto regula a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, o Sistema de Licitación Electrónica, os sistemas de tramitación e xestión electrónica relacionados ca contratación pública e o Portal de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta iniciativa enmárcase no proceso de modernización da Administración pública impulsada por este Goberno.

Os órganos de contratación adoptarán as medidas necesarias para que se incorporen de forma paulatina os medios e procesos regulados que permitan a tramitación integramente electrónica dos procedementos de contratación e a utilización de soportes electrónicos nos actos dos órganos administrativos, dos licitadores e dos contratistas, para substituír progresivamente o papel como soporte dos mesmos.

Con tal fin impulsarase progresivamente o uso, por parte dos empregados públicos, da sinatura e a notificación electrónicas incorporándoas aos trámites e procedementos para mellorar a eficacia e eficiencia dos procesos e reducir os prazos de xestión.

Velarase por preservar a dispoñibilidade, a confidencialidade e a integridade dos datos tratados, así como por garantir a súa protección integral e conservación nos formatos utilizados ou en outro calquera que asegure a identidade e integridade da información necesaria para reproducilos.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia permitirá, a través de Internet, informar sobre as licitacións sometidas á Lei 30/2007, de contratos do sector público e servir de soporte á información xeral relativa ao contacto cas entidades e órganos de contratación dados de alta no sistema. Estará interconectada ca Plataforma de Contratación do Estado na forma en que se determine mediante convenio.

A través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta poderá utilizarse medios e soportes electrónicos, informáticos e telemáticos en todas as actuacións e trámites do procedemento de adxudicación dos contratos ata o momento da súa formalización.

A Xunta, a través do Portal de Contratación Pública, facilitará aos interesados os documentos, programas e canta información sexa necesaria para participar nas licitacións dos contratos públicos por medios electrónicos, informáticos e telemáticos. Os licitadores deberán estar inscritos e con certificación vixente no Rexistro Xeral de Contratistas de Galicia.

O sistema de presentación electrónica posibilitará a presentación de ofertas vía telemática nun proceso que vai desde a publicación do anuncio na Plataforma de Contratos de Galicia ata a sinatura do contrato.

Pago nun máximo de 45 días aos proveedores
O Goberno galego implementará un sistema de tramitación de facturas que estará operativo desde o vindeiro mes de febreiro e que permitirá pagar en 45 días aos proveedores, 15 menos que a esixencia legal, algo que fará posible un rexistro.

Na actualidade é practicamente imposible saber o tempo que transcorre desde que se recibe unha factura ata o momento efectivo do seu pago. O primeiro paso para reverter a situación é poder controlar o momento en que entran as facturas na Xunta, para o que se creará un rexistro que permitirá, ademais, mellorar as necesidades de tesourería e planificar os pagos da Administración autonómica.

Este rexistro facilitará centralizar de maneira uniforme todas as facturas –tanto as manuais como as de formato dixital- emitidas polos distintos proveedores co que se acadará unha xestión máis rápida e eficiente das mesmas. A este rexistro accederase a través dun novo portal electrónico no que se poderá realizar tanto a incorporación das facturas ao sistema como a consulta do seu estado de tramitación. Ademais, haberá solucións de sinatura electrónica para garantir a identidade dos usuarios e a integridade da información rexistrada.

O proceso de facturación na actualidade está sustentado basicamente en papel polo que subliñou que a factura electrónica permite prescindir deste soporte, favorece a incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación e conta con solucións seguras que permiten a optimización, a eficiencia e o aforro de custes.

Todas estas medidas permitirán non só cumprir os prazos que a normativa impón á administración, senón ir máis aló, optimizando os procedementos administrativos. Así, acadarase un mellor e máis áxil servizo ao cidadán e a un menor custe, obtendo un aforro económico importante.