A exposición itinerante 'Galiciadixital' achega unha vez máis as novas tecnoloxías aos maiores e propón en Ferrol unha viaxe interactiva pola comunidade

Martes 22 de Decembro de 2009

A exposición itinerante 'Galiciadixital' achega unha vez máis as novas tecnoloxías aos maiores e propón en Ferrol unha viaxe interactiva pola comunidade

A mostra foi inaugurada hoxe polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, xunto co subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal, Modesto Rouco. Permanecerá aberta ao público na Residencia Mixta de Maiores de Caranza ata o 27 de decembro en horario de mañá e tarde.

A Secretaría Xeral de Medios achega unha vez máis as novas tecnoloxías aos maiores a través da exposición itinerante Galiciadixital, que permanecerá aberta na Residencia Mixta de Maiores de Caranza, en Ferrol, ata o vindeiro 27 de decembro. A mostra, organizada pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, poderá visitarse gratuitamente en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, agás o venres 25, que permanecerá pechada. A mostra chega a Ferrol dende o Centro Sociocomunitario do Calvario, en Vigo, onde recibiu a visita de máis de dúas mil cincocentas persoas.

Abriu o acto o director da residencia de maiores, quen deu as grazas á Xunta de Galicia por levar ata alí esta exposición. O delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo, recalcou que a idea de levar esta mostra ás residencias da terceira idade foi unha idea do presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e anunciou que esta é a última residencia na que recala esta mostra interactiva, que a partir do próximo ano poderá visitarse nos hospitais. Pechou o acto o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, quen agradeceu tamén a iniciativa do Executivo galego e invitou a todos os ferroláns a coñecer a exposición.

A través desta exposición, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas, así como promover a interrelación entre mozos e maiores, xa que varios colexios deste municipio visitarán ao longo destes días a mostra.

Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.

Contidos da exposición itinerante
O visitante somérxese nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións, como por exemplo as Cidades do Camiño, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

Axóuxere é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático, o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota. E así ata oito contidos diferentes que permiten ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida.

Aerodeslizadores por Compostela é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista ‘aerodeslizador’. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes ‘aerodeslizadores’. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.

Outros cinco contidos máis completan a exposición que estará na Residencia Mixta de Maiores de Ferrol do 22 ao 27 de decembro, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, agás o venres 25 que permanecerá pechada. A entrada é de balde para todos os públicos.