Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A exposición interactiva Galiciadixital recala no Porto de Vigo e convida a unha viaxe interactiva pola nosa comunidade e ao redor dos 25 anos de vida da CRTVG

Os visitantes poderán desfrutar dos contidos habituais da exposición, como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, a película en 4D “Meta do Camiño” ou o tiraboleiro virtual, entre outros, ademais dos relacionados cos 25 anos de vida da CRTVG

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares; a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, e a directora da TVG, Rosa Vilas, realizaron esta tarde unha visita pola mostra

O Peirao de Trasatlánticos da Estación Marítima de Vigo acolle dende hoxe mesmo e ata o 29 de decembro a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios “Galiciadixital” que ademais dos seus contidos habituais, como o tiraboleiro virtual ou o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, acolle tamén outros relacionados co 25 aniversario da CRTVG. A mostra poderá visitarse gratuítamente en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, agás mañá, día 24 de decembro pola tarde e o 25, que permanecerá pechada.

Esta tarde, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, a directora da TVG, Rosa Vilas, e o director de comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, coñeceron de primeira man a mostra interactiva. A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, desde hai máis de dez anos, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que poden participar en todo o percorrido.

Os que visiten as instalacións estes días de nadal poderán desfrutar dalgúns dos contidos habituais da mostra Galiciadixital, como o xogo “Aerodeslizadores por Compostela”, no que poderán descender pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista “aerodeslizador” desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tamén poderán xogar co canciño “Axóuxere” ou converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día, grazas ao tiraboleiro virtual, entre outras actividades.

Ademais, os visitantes poderán tamén somerxerse nun mundo virtual a través da proxección en catro dimensións “Meta do Camiño”, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido aos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o visitante convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os vistantes poderán alcanzar coas súas propias mans.

Por outra banda, a mostra acollerá durante a súa estadía en Vigo unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató “Chroma Key”, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.