A enquisa de novas tecnoloxías do IGE constata que un terzo dos fogares galegos contaban con conexión a internet no ano 2008

Xoves 28 de Xaneiro de 2010

A enquisa de novas tecnoloxías do IGE constata que un terzo dos fogares galegos contaban con conexión a internet no ano 2008

O 40,6% da poboación galega de 5 ou máis anos conectouse a Internet. O 6,4% dos galegos de 16 ou máis anos realizou algunha compra pola rede. O directo xeral do IGE presentou en rolda de prensa os resultados da Enquisa de Novas Tecnoloxías 2008 enmarcada na ‘Enquisa de condicións de vida das familias’.

O director xeral do Instituto Galego de Estatística (IGE), José Antonio Campo Andión, presentou onte os resultados da Enquisa de Novas Tecnoloxías 2008 que constata que un terzo dos fogares galegos (332.378 fogares) contaban con conexión a Internet no ano 2008. Ademais, segundo esta enquisa enmarcada dentro da ‘Enquisa de condicións de vida das familias”, o uso de Internet no fogar incrementouse case catro décimas con respecto ao 2007, ao pasar do 28,8% ao 32,5% no 2008.

Uso de Internet 
Ese ano o 33% dos fogares galegos contaba con conexión a Internet (332.378 fogares) . Esta porcentaxe varía en función da área xeográfica. Así, na área da Coruña, que comprende as comarcas da Coruña e Betanzos, a porcentaxe é do 45,9%, mentres que na área ‘Ourense sur’ esta porcentaxe sitúase no 14,1%.

VER GRÁFICO EXPLICATIVO1

Os motivos polos que os fogares galegos non teñen conexión á rede son fundamentalmente que “Non queren porque non lles parece interesante ou útil”, nun 40,7% dos fogares, os “custos altos”, nun 27% dos casos, e a “falta de coñecementos”, nun 20,1% dos fogares.

O uso de Internet está máis estendido entre os mozos de 15 a 19 anos, xa que a utilizan o 89,9%; o 83,6% fíxoo nos últimos tres meses dese ano. Cabe salientar, tamén, que o emprego da rede polos nenos de 5 a 14 anos supera o 50%. O uso de internet vai diminuíndo segundo aumenta a idade da poboación. Deste xeito, a porcentaxe de poboación de 30 a 39 anos que utiliza Internet baixa ata o 69,7% e para a franxa de idade comprendida entre os 40 e os 54 anos non chega ao 50%.

VER TÁBOA EXPLICATIVA2

En canto aos lugares de conexión a Internet destaca o fogar no 68,8% das persoas que se conectaron a internet nos últimos tres meses, e o centro de traballo, cunha porcentaxe do 33,4%.

VER TÁBOA EXPLICATIVA3

Os usuarios que se conectaron a internet máis de 5 horas na última semana, supoñen o 31% do total de internautas do último mes. Estes usuarios son aproximadamente 307.700 persoas.

VER GRÁFICO EXPLICATIVO4

Compras por Internet
No ano 2008 o 40,6% dos galegos de 5 ou máis anos manifestou terse conectado á Internet nos tres últimos meses. Entre a poboación de 16 ou máis anos que se conectou a Internet nos tres últimos meses, o 16,3% realizou algunha compra por este medio. Sobre o total da poboación de 16 ou máis anos, a porcentaxe dos que realizaron algunha compra a través da rede baixa ata o 6,4%.

VER TÁBOA EXPLICATIVA5

As maiores porcentaxes, no tocante ás compras realizadas por Internet rexístranse entre a poboación de 20 a 29 anos e a de 30 a 39 anos, nos que a porcentaxe que nos tres últimos meses realizou algunha compra por este medio foi do 11,9% e do 12,1%, respectivamente.

VER TÁBOA EXPLICATIVA6

Entre os bens e servizos mercados máis habitualmente a través de Internet figuran as viaxes ou billetes para medios de transporte; o 66,5% das persoas de 16 ou máis anos que realizaron compras pola rede mercaron este produto. A continuación atópanse as entradas para espectáculos (22,5%), o equipamento electrónico (17,1%), os libros, revistas periódicos e material educativo (14%) e a roupa e complementos (12,7%).

VER TÁBOA EXPLICATIVA7

Administración electrónica
En 2008 un total de 267.405 persoas de 16 ou máis anos relacionáronse coas administracións públicas a través de Internet. Isto supón que o 16,5% do total da poboación que realizou xestións coas administracións públicas o fixo mediante a rede. 
Os principais servizos polos que interactuaron coas administracións públicas a través da rede foron: facer a declaración da renda e xestións sanitarias (pedir citas, solicitar tarxeta, cambios de médico...).

VER TÁBOA EXPLICATIVA8

Ordenador
En 2008 o 52,3% dos galegos de 5 ou máis anos manifestou utilizar o ordenador algunha vez: o 44,9% fíxoo no último mes, o 4,1% fai máis dun mes pero menos dun ano e o 3,4% restante, fai máis dun ano. A porcentaxe de persoas que utilizaron o ordenador no último mes aumentou 4 puntos porcentuais con respecto ao ano 2007 e 16 con respecto a 2002.

As maiores porcentaxes de uso do ordenador danse nos grupos de idade de 5 a 19 anos e de 20 a 29 anos, onde preto de 8 de cada dez rapaces e mozos galegos comprendidos nestas idades utilizaron o ordenador no último mes.

VER TÁBOA EXPLICATIVA9 Y 10

Os usuarios frecuentes, é dicir, os que empregan o ordenador diariamente, polo menos 5 días á semana, supoñen o 56,6%. Estes usuarios son aproximadamente 695 mil persoas.

VER TÁBOA EXPLICATIVA11

Telefonía móbil
Segundo o módulo específico de novas tecnoloxías da ‘Enquisa de condicións de vida das familias’ elaborada polo IGE, no ano 2008 sete de cada dez galegos de 5 ou máis anos utilizou o teléfono móbil, cifra moi superior á rexistrada no ano 2002, que se situou no 42,5%.

VER TÁBOA EXPLICATIVA12

Por grupos de idade, o 28,5% dos rapaces galegos de entre 5 e 14 anos utilizan o teléfono móbil. Na franxa de idade comprendida entre os 15 e os 39 anos, a porcentaxe de persoas que o empregan supera o 90%, mentres que no grupo de idade de 65 ou máis anos esta porcentaxe non chega ao 30%.

VER TÁBOA EXPLICATIVA13

Grandes concellos
En 2008, a metade dos fogares do concello da Coruña (50,4%) conta con conexión a Internet. Ségueno os concellos de Pontevedra e de Santiago de Compostela cun 45,1%

No Concello da Coruña o 56,2% da poboación maior de 5 anos conectouse a Internet nos tres últimos meses, 15,6 puntos máis que no conxunto de Galicia. No tocante ás compras por Internet, o 11,9% dos cidadáns coruñeses maiores de 16 anos realizaron algunha compra por este medio nos tres últimos meses. En Ourense esta porcentaxe acada o 6,5%, valor moi similar ao do conxunto da comunidade autónoma (6,4%).

Entre os sete grandes concellos de Galicia, o da Coruña é, xunto con Lugo son os concellos que contan cunha maior porcentaxe de persoas de 5 ou máis anos que usaron o ordenador no último mes (un 58,6% e un 57,2%, respectivamente). No outro extremo atópase o concello de Ourense cun 50,5%. Estes valores son maiores que os do conxunto de Galicia, onde a porcentaxe de persoas que usaron o ordenador no último mes acada o 44,9%.

Ademais, son este dous concellos os que contan cunha maior porcentaxe de persoas que usan o teléfono móbil (77,8%).