Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A EGAP comeza a impartir este ano itinerarios formativos para que o persoal de Xustiza se especialice nunha área concreta

Así o anunciou o director do centro no Parlamento, onde tamén avanzou que este curso comezará o itinerario de especialización en dereito social

O plan de formación para o persoal de xustiza 2011 ofreceu 49 edicións formativas, 1.945 prazas e 1.274 horas lectivas

O director da Escola Galega de Administración Pública, Pablo Figueroa, avanzou hoxe no Parlamento que a formación do persoal da Administración de Xustiza para 2012 presentará como novidade os itinerarios formativos. A través destes novos currículos os empregados públicos poderán especializarse nunha área concreta, que neste primeiro ano será a do dereito social.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, Figueroa tamén destacou para este ano tres novos cursos dentro da área de formación e perfeccionamento en tecnoloxías da información. Os cursos estarán dedicados ao uso das tecnoloxías da información e a comunicacións na Administración de Xustiza; Informática básica e Comunidades Virtuais de aprendizaxe.

Este último curso, Comunidades virtuais de aprendizaxe, é un proxecto que se desenvolverá en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que ten como finalidade dispoñer dunha rede de formadores que dean apoio e resolvan dúbidas de carácter funcional no ámbito da Administración de xustiza.

No tocante ao curso 2011, o director da Egap destacou que o plan de formación para o persoal de xustiza do ano pasado ofreceu 49 edicións formativas, 1.945 prazas e 1.274 horas de duración destinadas ao persoal funcionario dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que supón un colectivo de arredor de 2.700 persoas.

Estes cursos organízanse baixo as áreas de organización xudicial e estatuto xurídico; comunicación, relación social e técnicas de organización; informática de usuario e novas tecnoloxías; idiomas; apoio aos interinos; cursos de forenses; e informática de xestión procesual. O 60 por cento destes curso realizouse a través de teleformación, unha modalidade que, entre outras moitas vantaxes, posibilita compatibilizar a vida laboral coa familiar.

Así mesmo, dentro do plan da Egap para conseguir unha maior capacitación dos empregados públicos en linguas estranxeiras, convocáronse dúas edicións de lingua inglesa na modalidade de teleformación con destino a este colectivo. Por último, xa no tocante ás novas tecnoloxías, a Escola ten impartido tamén edicións de cursos relacionados coa protección de datos, certificado dixital, procesador de texto, folla de cálculo e administración electrónica e seguridade da información.

Dentro da formación específica, Figueroa fixo mención especial aos cursos de formación do sistema de xestión procesual MINERVA, incluídos dentro do Plan Senda 2014, para a implantación das TICs na Xustiza. Ao longo do ano 2011 realizáronse 294 actividades ofrecendo aos traballadores da Administración de Xustiza 3.088 prazas e 3.815 horas de formación.

Ao facer a comparativa co ano anterior, o 2010, Figueroa manifestou o importante esforzo que levou a cabo o centro no plan de formación para o persoal de Xustiza de 2011, que contou con máis edicións, prazas e horas. Así, se pasou de 18 cursos no 2010 a 49 no 2011 (+172%), de 970 prazas a 1. 945 no 2011 (+100%) e de 565 horas de formación ás 1.274 de 2011 (+125%).

Para rematar, o director da Egap destacou os bos resultados obtidos nas enquisas de satisfacción o ano pasado, no que un 84% do alumnado declarou estar moi satisfeito ou bastante satisfeito coa formación recibida.