A Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica sinala que a atracción de talento dixital e a ciberseguridade son liñas de actuación prioritarias para o desenvolvemento dixital

Venres 25 de Marzo de 2022

A Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica sinala que a atracción de talento dixital e a ciberseguridade son liñas de actuación prioritarias para o desenvolvemento dixital

• Participou hoxe no I Encontro Ágora, no que sinalou que nun contexto no que Europa quere desenvolver a súa soberanía dixital, Galicia debe reforzar as súas capacidades tecnolóxicas para impulsar o desenvolvemento industrial
• Destacou que garantir un contexto dixital seguro e confiable é un elemento esencial para o desenvolvemento dixital da economía
• Lembrou que a Administración autonómica reforzará o Nodo de Colaboración Ciber.gal coa construción dun Centro de Ciberseguridade de Galicia
• Sinalou que construír un proxecto dunha Galicia atractiva dixitalmente será primordial para atraer investimentos e xerar emprego cualificado
• Recordou que Galicia conta coa Estratexia Dixital Galicia 2030, aliñada co compás dixital que marca Europa para esta década, para avanzar e reforzar as capacidades dixitais do territorio


A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, participou hoxe no I Encontro Ágora, organizado pola Cátedra Telefónica-Universidade de Vigo, para abordar os retos da innovación tecnolóxica e a súa importancia na competitividade na industria no actual contexto de transformación dixital e o pulo que supoñen os fondos Next Generation.

Na súa intervención a directora da Axencia destacou dous ámbitos esenciais para o desenvolvemento dixital da economía e que requiren un papel activos os gobernos: garantir unha contorna dixital segura e captación e retención de talento dixital.  

Respecto do primeiro punto, Mar Pereira afirmou que é primordial reforzar  unha fronte común público-privado contra as ciberameazas. Neste sentido, lembrou que Galicia reforzará o Nodo de colaboración ciber.gal coa construción do Centro de  Ciberseguridade de  Galicia que incrementará as capacidades no noso territorio e como centro de excelencia será tamén un elemento relevante para a atracción e retención de talento.

Por outra banda, a directora da Axencia apuntou que  atraer e reter talento dixital será clave para o desenvolvemento económico dos territorios e un dos aspectos que  marque o nivel de competitividade a nivel rexional en Europa. Neste sentido, sinalou que é primordial construír un proxecto dunha Galicia atractiva dixitalmente para atraer investimentos e xerar emprego cualificado.

A responsable autonómica fixo tamén fincapé na importancia de que as administracións  publicas sumen esforzos e complementen iniciativas para acadar a máxima efectividade na execución dos fondos europeos, que fan un foco  na transición dixital e verde.

Respecto ás tecnoloxías emerxentes e o seu impacto no ámbito económico, a directora da Axencia sinalou que os novos modelos de adopción da tecnoloxía, a través de plataformas e sistemas en nube, a xestión de dato e a automatización dos procesos axilizarán a transformación dixital dos negocios, un proceso que deixa de ser unha opción para ser unha imperiosa necesidade.

Mar Pereira lembrou que Galicia ten unha folla de ruta para esta década, aliñada co compás dixital para a  Estratexia Galicia Dixital 2030 que establece 4 eixos de acción: reforzar as  infraestruturas dixitais, a dixitalización  dos servizos  públicos, a transformación tecnolóxica dos sectores produtivos e a mellora na  capacitación dixital da sociedade.

Finalmente, a directora da Axencia afirmou que Europa quere desenvolver a súa soberanía dixital reforzar as súas capacidades tecnolóxicas, o que representa unha oportunidade para a Industria e para o desenvolvemento do sector  tecnolóxico europeo e que  Galicia tamén quere aproveitalo.