A directora da Amtega destaca a importancia de acadar acordos para que os fondos europeos destinados á dixitalización financien proxectos realmente transformadores

Mércores 14 de Outubro de 2020

A directora da Amtega destaca a importancia de acadar acordos para que os fondos europeos destinados á dixitalización financien proxectos realmente transformadores

• Mar Pereira inaugurou hoxe o Foro Galicia TIC 2020 facendo foco no retos que temos por diante para afrontar a transformación dixital na realidade postcovid
• Subliñou a necesidade de impulsar proxectos de dixitalización interesantes e diferenciais para captar e reter talento na Comunidade e poder contar con perfiles capaces de liderar o cambio

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou hoxe o Foro Galicia TIC 2020 diferenciando entre a rápida absorción da tecnoloxía que implicou a crise sanitaria da covid-19 e os cambios profundos que esixe transformación tecnolóxica que marcará a nova década 2020-2030 e que era xa un reto antes da chega da pandemia. 

Neste sentido, a responsable da Axencia pública ve positivo as barreiras e os prexuízos que se derribaron no uso da tecnoloxía a raíz da Covid-19 pero lembrou que eses avances non consolidan unha economía dixital nin os cambios máis profundos vinculados á mesma e que xa figuraban na axenda europea antes da crise sanitaria. Mar Pereira destacou a  importancia de acadar acordos para que os fondos anunciados por Europa para a recuperación, cunha parte importante destinada a dixitalización, se destinen ao financiamento de iniciativas que permitan facer cousas “realmente útiles”.  

A directora da Amtega subliñou, ademais, o papel tractor das administracións públicas para arrastrar a outros sectores no proceso de dixitalización así como a capacidade do sector tecnolóxico galego, ao que cualificou como “un sector de éxito” nun contexto global difícil. E recalcou a necesidade de sumar esforzos para afrontar unha auténtica transformación dixital porque “nos xogamos a capacidade de Galicia para competir como rexión neste contexto dixital”.

Aproveitou, tamén, para agradecer a operadores e empresas tecnolóxicas a súa colaboración para poder manter os servizos públicos dixitais nos momentos iniciais da crise cando se requiría unha resposta inmediata e masiva para atender sectores especialmente críticos como a sanidade ou a educación.  

Por último, a responsable da Axencia autonómica fixo foco na necesidade de captar e reter talento na Comunidade para poder contar con perfiles especializados que poidan liderar o cambio. Para iso, incidiu, é clave impulsar proxectos especializados e atractivos que permitan ás empresas crecer.