A directora da Amtega aborda cos axentes do sector TIC galego os desafíos da nova Axenda Dixital de Galicia para o período 2020

Luns 01 de Decembro de 2014

A directora da Amtega aborda cos axentes do sector TIC galego os desafíos da nova Axenda Dixital de Galicia para o período 2020

Esta xuntanza forma parte da campaña integral que está a desenvolver a Amtega para elaborar a nova estratexia TIC en base a un modelo de intelixencia colectiva.

A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015, contando coas achegas das institucións públicas, axentes económicos e sociais e da sociedade galega.

Nos últimos catro anos a primeira Axenda Dixital galega mobilizou máis de 1.000 millóns de euros para situar á Comunidade na converxencia coa media europea no uso das TIC.

 A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, reuniuse hoxe cos axentes do sector TIC galego para abordar de forma conxunta os desafíos aos que se enfronta a Comunidade no eido tecnolóxico no horizonte 2020.

Aínda que no ámbito europeo existen unha serie de recomendacións ao respecto, materializadas na Axenda Dixital para Europa, Mar Pereira trasladoulle aos representantes do sector a importancia de abordar de forma conxunta estes aspectos desde o ámbito rexional para asegurar a toma de decisións cun claro impacto na contorna galega, dar resposta aos desafíos tecnolóxicos específicos aos que se enfronta Galicia e dotar á Comunidade dos mecanismos necesarios para afrontar as oportunidades tecnolóxicas de crecemento que brindan a novo período.

Ademais do intercambio de ideas e reflexións recollidas na reunión de hoxe, a Amtega remitirá aos axentes do sector tecnolóxico un formulario para canalizar as súas achegas que serán valoradas de cara á conformación final da Axenda Dixital de Galicia 2020.

Modelo de intelixencia colectiva
Esta xuntanza co sector tecnolóxico forma parte da campaña de elaboración da Axenda Dixital de Galicia, que se iniciou en xullo deste ano. A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015 e estase a elaborar en base a un modelo de intelixencia colectiva, contando coas achegas das institucións públicas, axentes sociais e económicos e da sociedade galega.

Será unha Axenda Dixital de todos e para todos, orientada a asegurar que Galicia compite como rexión de referencia no ámbito dixital a nivel europeo. A Amtega está a desenvolver unha campaña integral de participación con accións específicas para institucións e expertos de recoñecido prestixio e outras destinadas á sociedade civil para conseguir un documento que recolla de maneira colaborativa as necesidades, os retos e as oportunidades identificadas.

Como parte desta campaña, o pasado 28 de xullo publicouse o blog.adg2020.es, a través do cal calquera persoa puido achegar ata hoxe as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou simplemente enviar as suxestións que considerase a través do mail adg2020@xunta.es.

Ámbitos de actuación
As actuacións da futura Axenda están en liña con cinco ámbitos establecidos na Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aprobada a finais de 2013. En primeiro lugar, acadar unha Administración Dixital innovadora, avanzando cara unha Administración das persoas, ubicua, con cero papel e cuns servizos públicos avanzados en ámbitos chave para a cidadanía.

A segunda área de actuación é a de incrementar a capacitación dixital das persoas, acadando a plena integración das TIC na práctica educativa e posibilitando a inclusión dixital de toda a cidadanía.

En terceiro lugar impulsar a economía dixital a través da implantación de infraestruturas e solucións tecnolóxicas nos diferentes sectores produtivos. O cuarto eido céntrase na consolidación do sector TIC como estratéxico e en quinto lugar está o impulso ao despregamento de infraestruturas de telecomunicación modernas e sostibles.

Catro anos de2014.gal
Galicia está en disposición de afrontar esta nova etapa tras o traballo realizado a través de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia, cuxas medidas situaron á Comunidade na senda da converxencia coa Unión Europea no emprego das TIC.

Desde 2010 a Axenda Dixital de Galicia mobilizou preto de 1.000 millóns de euros que permitiron avanzar no achegamento da banda larga a todos os galegos, no establecemento dunha política integral de impulso da administración electrónica e da participación cidadá ou nas medidas para lograr a efectiva introdución das tecnoloxías da información no tecido empresarial galego.