A delegada territorial explica a implantación da banda larga ante os representantes dos concellos nos que se iniciou a comercialización

Venres 03 de Decembro de 2010

A delegada territorial explica a implantación da banda larga ante os representantes dos concellos nos que se iniciou a comercialización

Responsables de Iberbanda, a empresa encargada do despregamento, explicaron as características básicas do servizo

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, deu conta do proceso de implantación da banda larga ante os alcaldes e representantes dos 22 concellos do sur lucense que se incorporaron a este servizo durante as últimas semanas.

A delegada propiciou o encontro entre os responsables municipais e os de Iberbanda, empresa encargada do despregamento, que detallaron as características básicas do servizo de acceso a internet que xa se presta na zona, baixo a marca Tngo.

Na xuntanza, que tivo lugar no Centro Comarcal Expolemos, a delegada amosou a súa satisfacción polo “importante avance experimentado en apenas medio ano”, xa que coas actuacións desenvolvidas neste tempo incorporáronse arredor de 35.000 novos posibles usuarios.

“Na actualidade dispoñen de cobertura como media preto do 67% dos habitantes dos concellos lucenses da Ribeira Sacra, e nalgúns municipios o índice supera o 90%, cando hai un ano a porcentaxe estaba por debaixo do 30%”, explicou.

Arias subliñou que a posta en marcha dos novos servizos de banda larga nesta área dende o pasado 29 de novembro “supón o cumprimento dun compromiso adquirido coa Ribeira Sacra polo goberno da Xunta, xa que esta era unha das zonas máis afectadas pola fenda dixital e corría perigo de perder o tren das novas tecnoloxías”. Esta operación foi posible grazas a un investimento da Xunta de Galicia de 600.000 euros, que xunto coa achega de Iberbanda xera un investimento total de case 2 millóns de euros.

A delegada apuntou que a modernización e innovación tecnolóxica significa “unha vía de progreso fundamental para superar as desigualdades, e polo tanto básica no camiño do reequilibrio territorial”. “Na actualidade –engadiu- cando nos referimos ás infraestruturas non podemos pensar só en estradas senón que debemos incluír as novas vías de información e comunicación, que son as tecnolóxicas”.

Arias explicou que a Xunta de Galicia traballou na extensión da banda larga en dúas vertentes: Por un lado, as actuacións de Iberbanda para a extensión de redes de acceso de banda larga en 27 concellos da Ribeira Sacra (22 de Lugo e 5 de Ourense).

Por outro lado, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural concedeu a Telefónica o contrato para a extensión de redes fixas que garantan o acceso ao servizo de banda larga a máis do 80% da poboación, á meirande parte dos centros da administración pública e aos polígonos e parques empresariais nos núcleos rurais establecidos.

A Xunta achega preto dun total de 1,2 millóns de euros para ambas actuacións que, xunto co investimento privado previsto polos operadores en cuestión, acadarán un investimento global de 2,7 millóns de euros.