Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A convocatoria do Programa Primare da Xunta para impulsar un sistema de inspeccións intelixentes e unha xestión dixital do agro recibe 30 solucións innovadoras

Este procedemento de compra pública de tecnoloxía xerou o interese de preto de 50 grandes empresas, pemes, profesionais e grupos de investigación de ámbito rexional, nacional e internacional
Trátase do primeiro proceso de consultas ao mercado a nivel nacional no sector primario
A innovación tecnolóxica dos sectores primarios é unha das prioridades da UE, que destinará 4.000 millóns de euros ata 2020 a iniciativas deste tipo

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou hoxe o II Workshop do Programa Primare, durante o cal agradeceu a implicación e o traballo realizado aos 48 axentes que presentaron un total de 30 propostas á consulta preliminar ao mercado do Programa. Esta iniciativa, que desenvolven a Amtega e a Consellería do Medio Rural, busca definir un modelo de Inspeccións intelixentes avanzadas vinculadas ás axudas da Política Agraria Común (PAC) e ofrecer servizos de valor engadido para mellorar a competitividade do ámbito agrícola.

Para acadar este obxectivo a Amtega apostou por un modelo de compra pública innovadora, abrindo, o pasado 26 de setembro, o primeiro proceso de consultas ao mercado para aplicar solucións tecnolóxicas innvoadoras no sector primario lanzado no Estado. A actuación liderada pola Amtega, en colaboración coa Consellería de Medio Rural, conta cun orzamento de total de 4 millóns de euros cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Economía e Competitividade, GAIN e a Amtega para o proxecto "CIVIL UAVs Initiative"

Valor estratéxico da compra pública de tecnoloxía innovadora

O proceso de consultas logrou unha implicación moito maior do sector empresarial e do ecosistema de innovación que un proceso de licitación tradicional. En concreto, participaron nas sesións preto dun centenar de axentes e recibíronse 30 solucións innovadoras nas que participan un total 48 axentes (grandes empresas tecnolóxicas, pemes e start ups do sector TIC, empresas de servizos de enxeñaría e ambientais, centros e institutos de investigación, grupos de investigación das universidades e mesmo persoas a título particular).

O proceso espertou o interese de axentes do ecosistema rexional (o 77% dos axentes participantes proceden de Galicia), do sector empresarial a nivel nacional (o 14% proceden tamén doutras Comunidades autónomas como País Vasco, Madrid, Asturias e Extremadura e internacional (coa participación de start ups de Israel).

Oportunidades de innovación tecnolóxica no medio rural

As 30 solucións presentadas teñen aplicación nos seguintes ámbitos do sector primario:

  • inspeccións intelixentes avanzadas
  • xestión de cultivos e explotacións agropecuarias;
  • xestión forestal e biomasa;
  • ordenación territorial e usos do solo;
  • calidade e seguridade alimentaria;
  • comercialización de produtos.

Destaca tamén o alto grao de colaboración entre axentes. O 63,3% das propostas recibidas foron elaboradas por agrupacións de axentes e o 36,7% restantes son propostas individuais.

O proceso continuará agora con entrevistas individuais para traballar cos axentes as propostas presentadas para definir o Mapa de Demanda de Temperá. que aglutinará os proxectos concretos a acometer. Tras esta fase abrirase o período de licitacións públicas a través do procedemento de Compra Pública de tecnoloxía Innovadora, previsto para comezos do ano 2017.

Innovación tecnolóxica do agro, prioridade da UE

O Programa Primare nace da análise do enorme potencial de oportunidades que pode ofrecer para Galicia a integración das novas tecnoloxías nun sector estratéxico para a Comunidade, como é o sector primario.

A aplicación de novas solucións tecnolóxicas, tal e como destaca a Política Agraria Común no horizonte 2020, pode contribuír a que o sector primario faga fronte aos retos de futuro vinculados a asegurar unha produción de alimentos viable, garantir unha xestión sostible dos recursos naturais e da acción do clima e contribuír a un desenvolvemento territorial equilibrado.

De feito, a primeira prioridade da UE para a Política de Desenvolvemento Rural 2014 – 2020 é ‘fomentar a transferencia de coñecementos e a innovación tecnolóxica nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais’.

Por outra parte, a UE canalizará preto de 4.000 millóns de euros a través de Horizonte 2020 para o reto "Seguridade alimentaria, agricultura e silvicultura sustentables, investigación mariña, marítima e de augas interiores e bioeconomía".