Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Comisión Mixta de Fiscalía analiza a cooperación en materia de medios tecnolóxicos e infraestruturas

O conselleiro de Presidencia e o fiscal superior de Galicia presidiron a reunión da comisión

O conselleiro avanza que xa está adxudicada redacción do proxecto do novo edificio de Pontevedra e estará listo en oito meses

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, presidiron hoxe unha nova reunión da Comisión Mixta de Fiscalía, na que analizaron distintas materias relacionadas coa nova oficina fiscal, a formación dos fiscais, a modernización tecnolóxica e a dotación de infraestruturas xudiciais.

No tocante ao Plan de Infraestruturas Xudiciais, Alfonso Rueda destacou a súa boa marcha e sinalou que xa está feito o encargo do proxecto de rehabilitación da Fábrica de Tabacos na Coruña coma nova sede xudicial, completada a rehabilitación do antigo edificio xudicial de Ferrol e próximas á finalización as obras do novo edificio xudicial de Santiago. Tamén está xa en obras o novo edificio xudicial de Ourense.

A maiores, avanzou que se acaba de adxudicar a redacción do proxecto do novo edificio xudicial de A Parda, en Pontevedra, que estará listo nun prazo de oito meses. Nesa liña, lamentou que a Xunta non puidese avanzar no novo edificio xudicial de Vigo, pese a que xa conta con proxecto, porque o alcalde é o único de toda Galicia que se nega a colaborar e que non puxo os terreos necesarios a disposición do Goberno galego.

Pola súa banda, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, presentou un informe dos avances logrados ao abeiro do Plan Senda 2014 nas actuacións referidas ao ámbito específico das fiscalías.

No primeiro semestre de 2012 completouse o proceso de acreditación dixital dos funcionarios das fiscalías. Dentro do proxecto Kronos proporcionóuselles a tarxeta intelixente que alberga o certificado de empregado público e que permite entre outras funcións a sinatura dixital, o accesos aos sistemas de información e zonas restrinxidas.

En marzo deste ano integráronse os sistemas Minerva e Fortuny en determinados órganos xudiciais de Pontevedra, o que permite o traslado de xeito telemático de asuntos dende os Xulgados á Fiscalía. A partir do mes de setembro estenderase esta integración ao ámbito das restantes fiscalías da Comunidade.

Dentro das liñas de actuación do Plan Senda 2014, finalizouse a implantación de rede de videoconferencia da administración de xustiza en Galicia. Estando a disposición das das Fiscalías, o Imelga e outras dependencias xudiciais, con esta actuación completouse a dotación de videoconferencias de sala a todos os partidos xudiciais con tres ou máis órganos. No primeiro semestre deste realizáronse mais de 1.700 comunicación xudiciais a través de videoconferencia.

Para facilitar o traballo en mobilidade púxose a disposición dos fiscais a posibilidade de acceder de xeito remoto á rede de datos da Administración de Xustiza. Actualmente, están operativos preto de 50 dispositivos de conexión 3G que permiten acceder a recursos dispoñibles dende a rede interna da Xunta.

Dentro do plan de renovación de equipamento informático e de xeito conxunto con todos os órganos xudiciais renováronse todos ordenadores de sobremesa anteriores ao ano 2005 e comezouse o proceso de renovación dos equipos portátiles.