A Axencia para a Modernización Tecnolóxica presenta o seu plan plurianual con 7 obxectivos estratéxicos e 38 programas ata o 2014

Venres 27 de Xullo de 2012

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica presenta o seu plan plurianual con 7 obxectivos estratéxicos e 38 programas ata o 2014

A Amtega xa asinou os convenios de integración do persoal e do orzamento da área tecnolóxica de seis consellerías e 13 organismos dependentes cun orzamento total en 2012 de máis de 88 millóns de euros

Suprimiranse as 19 unidades informáticas dos departamentos incorporados aforrando un 25% dos custes en estrutura de persoal

Coa Axencia implántase un modelo de xestión integrada das TIC cun planteamento de traballo por obxectivos suxeito a avaliación anual

O Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), presidido polo Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, estudou esta mañá o seu plan plurianual 2012-2014 no que se definen 7 obxectivos estratéxicos e 38 programas para desenvolver os obxectivos da Xunta en materia tecnolóxica, segundo o establecido na Axenda Dixital de Galicia 2014.gal

A Amtega, creada en marzo deste ano, está a unificar baixo unha mesma dirección todos os recursos materiais e orzamentarios implicados nas políticas tecnolóxicas da Xunta. A día de hoxe asináronse os convenios para a integración do persoal e o orzamento tecnolóxico das seis consellerías previstas para este ano e 13 organismos delas dependentes.

Este proceso dota á Axencia dun un orzamento total para 2012 de máis de 88 millóns de euros e aglutina a 286 persoas da área TIC, máis do 50% do persoal tecnolóxico da Xunta. A incorporación das áreas sanitarias e económica completarase a partir de 2013 integrando o total de tecnólogos de toda Administración e o 100% do orzamento TIC.

Supresión de 19 unidades informáticas

O proceso de integración de recursos humanos na Axencia suprimirá estea ano as 19 unidades informáticas existentes no total de departamentos integrados, acadando un aforro de arredor do 25% en estrutura de persoal.

Xestión integrada e traballo por obxectivos

A Axencia aposta por un modelo de xestión integrado das TIC para prestar mellores servizos, máis eficaces e con menor custe, evitando duplicidades administrativas. Ademais, establécese un planteamento de traballo por obxectivos co compromiso do equipo directivo e a avaliación anual de resultados.

Obxectivos estratéxicos ata 2014

En liña co establecido na estratexia tecnolóxica global da Xunta 2014.gal a Amtega establece no plan plurianual sete obxectivos estratéxicos que se desenvolverán a través de 38 programas durante o período 2012-2014.

Mellora dos servizos públicos

Os dous primeiros obxectivos estratéxicos teñen como denominador común a mellora dos servizos que presta a Administración. O primeiro orientado a cidadáns e empresas poñendo a súa contidos e servizos públicos dixitais avanzados, mediante actuacións como o Plan de Modernización da Administración pública que xa se está a executar e está a axilizar a relación telemática dos cidadáns co Administración.Tamén contempla outras actuacións en marcha como o Plan eConcellos para acadar unha acción coordinada entre as administración a través das TIC ou o impulso da relación telemática co sector empresarial, comercial e industrial.

O segundo obxectivo estratéxico está orientado á transformación interna da Administración pública autonómica, mediante un uso axeitado das TIC, garantindo a eficiencia, eficacia, calidade e sustentabilidade dos servizos. Para acadalo, entre outras medidas, está a posta en marcha este ano do Centro de Proceso de Datos, unha infraestrutura que integra nun mesmo espazo as funcionalidades dos 80 CPDs existentes e que unha vez consolidado permitirá un aforro de 3 millóns de euros anuais. Tamén se contempla centralización de compras de produtos e servizos TIC e a homoxeneización das plataformas tecnolóxicas.

Desenvolvemento da Sociedade da Información

Co obxectivo de dotar á sociedade de competencias e recursos para participar activamente no desenvolvemento da Sociedade da Información estanse a desenvolver programas como Abalar no eido educativo ou as actividades de alfabetización dixital da Rede CeMIT con preto de 100 aulas en toda Galicia para o acceso de balde ás novas tecnoloxías. Este obxectivo abrangue tamén o impulso do software libre na Xunta e un programa de competencias dixitais para os empregados públicos.

Ámbito empresarial e infraestruturas de telecomunicación

O cuarto obxectivo é impulsar o hipersector TIC, con dous programas un de apoio á innovación TIC e ao fomento do emprego e outro consistente nun sistema público de compra de tecnoloxía innovadora. O quinto obxectivo busca impulsar o uso dos servizos TIC por parte das empresas galegas, por unha banda a través do Centro Demostrador TIC e por outra a través da posta en marcha dun plan de demanda anticipada tecnolóxico-industrial para os sectores estratéxicos de Galicia.

O sexto obxectivo estratéxico é implantar unha rede de infraestruturas de telecomunicacións moderna e sostible, unha actuación que se está a desenvolver a través do Plan de Banda Larga de Galicia 2010-2013 e que se completará con outras actuacións como a construción dun servizo integral de comunicación de emerxencias para Galicia e un programa de impulso para a creación do fogar dixital.

O último obxectivo é a creación dun modelo de xestión áxil e eficiente das políticas tecnolóxicas, para o que se crea a Amtega.