Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia dá a coñecer o nome dos gañadores do concurso de produción audiovisual da rede CeMIT

O certame premiou os vídeos de tres alumnos das aulas CeMIT de Vigo, Tui e Ponteudeme como os de maior calidade entre os realizados durante o curso sobre Produción Audiovisual que se celebrou en 39 aulas da Rede entre outubro e novembro

Un total de 326 traballos optaban as categorías de mellor guión técnico, mellor montaxe e mellor guión literario

A actividade enmárcase no Plan de Dinamización 2012 da Rede CeMIT

Patricia Costas Salgueiro (da aula CeMIT de Vigo), Henar Alonso Lomba (da aula CeMIT de Tui) e Francisco Javier Pita (da aula CeMIT de Pontedeume) foron os gañadores do Concurso de Produción Audiovisual, unha iniciativa enmarcada no Plan de Dinamización 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT).

O concurso, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), tiña como obxecto recoñecer os mellores traballos desenvolvidos polos alumnos do Curso de Produción Audiovisual que se desenvolveu entre outubro e novembro nas aulas CeMIT de 39 concellos galegos.

Tres categorías

O premio ao mellor guión literario recaeu en Patricia Costas Salgueiro por “La dictadura de lo ajeno”; o mellor guión técnico en Henar Alonso Lomba, por “A viaxe de Uxía” e Francisco Javier Pita recibiu o premio á mellor montaxe por “Deja Vu”. En total presentáronse a este concurso 326 traballos e os premios consistiron nun Netbook para o mellor guión técnico, un reprodutor Blu-ray para o mellor guión literario e unha videocámara dixital para a mellor montaxe. O xurado, composto entre outros polo profesor do curso de produción audiovisual, valorou a orixinalidade e a creatividade así como o tratamento do tema, o esforzo e a dificultade.

Formación a través de videoconferencia

Durante a actividade, que contou con 60 horas de duración, os participantes percorreron todas as fases polas que pasa calquera produto audiovisual, centrándose especialmente na parte de edición de audio e de vídeo.

Para o desenvolvemento do curso de Produción Audiovisual empregouse o sistema de videoconferencia e videocolaboración das 39 aulas CeMIT participantes, posibilitando a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas. A actividade estaba dirixida a todos aqueles que desexaran obter unha preparación específica para incorporarse a un posto de traballo dentro dunha produtora, distribuidora ou canle de televisión, e a aqueles que quixesen mellorar ou actualizar a súa formación neste sector.

Plan de Dinamización

No marco do Plan de Dinamización 2012, a Rede CeMIT desenvolveu dende o mes de maio distintas actividades con temáticas relacionadas co sector multimedia e audiovisual como o curso sobre streaming de audio e vídeo, posicionamento web, televisión en internet, deseño gráfico, retoque fotográfico ou community manager, entre outros.

O Programa de Dinamización da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (e CeMIT) comezou a súa andadura en marzo do 2011 co obxectivo de integrar e fomentar o uso das TIC na sociedade galega como medio para o impulso do emprego e a competitividade empresarial.

A rede, que conta con 98 aulas presentes en 92 concellos, configurase como un instrumento esencial de soporte á nova estratexia en materia de Sociedade de Información, definida a través da Axenda Dixital 2014.gal