A Axega e o CITIC unen forzas para colaborar na implantación das vantaxes das novas tecnoloxías no tratamento e xestión das emerxencias

Mércores 22 de Setembro de 2021

A Axega e o CITIC unen forzas para colaborar na implantación das vantaxes das novas tecnoloxías no tratamento e xestión das emerxencias

• O tratamento intelixente, nas emerxencias, dos sinais de voz e a análise das noticias falsas foron temáticas protagonistas na xuntanza

Membros da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e do Centro de Investigación en Tecnoloxía da Información e da Comunicación da Universidade da Coruña reuníronse esta mañá na sede do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), na cidade da Coruña, para avanzar na análise de melloras tecnolóxicas concretas que se poidan implementar no ámbito da xestión de emerxencias, tanto no eido operativo, como no da comunicación.

No encontro participaron o Xerente da Axega, Marcos Araujo; o Xefe de Área do CIAE-112 Galicia, Diego Núñez; o responsable do Departamento de Informática do 112 Galicia, José Luís López; o técnico do Grupo de Apoio Loxístico da Axega, José Antonio Argibay e persoal do Departamento de Estrutura do 112.

En representación da Universidade da Coruña UDC, acudiu a adxunta a transferencia, Sonia Zaragoza Fernández. Ademais, por parte CITIC da UDC, tomaron parte no encontro o director do CITIC, Manuel González Penedo e o técnico de Transferencia do centro de investigación, José Manuel Bustabad Alonso.

Entre as temáticas acordadas para avanzar nesta nova alianza entre institucións, destacaron: o procesamento de linguaxe para un tratamento intelixente dos sinais de voz en chamadas de emerxencia ou a análise de noticias falsas, fake news, en prensa e redes sociais, en determinadas situacións de emerxencia.

Os equipos de traballo seguirán mantendo reunións, nas vindeiras semanas, para profundar nestas e noutras temáticas que poidan axudar á implantación de novas tecnoloxías mediante esta unión estratéxica entre organismos.