A aula móbil da Xunta e Movistar chega a Coirós, onde o Plan de Banda Larga achegou internet a máis de 1.600 veciños sen cobertura

Mércores 29 de Febreiro de 2012

A aula móbil da Xunta e Movistar chega a Coirós, onde o Plan de Banda Larga achegou internet a máis de 1.600 veciños sen cobertura

As actuacións da Secretaría Xeral de Modernización e Innovacións Tecnolóxica permitiron pasar en dous anos dun 40 a un 96,81% da poboación de Coirós con conexión á rede

A delegada territorial da Xunta na Coruña visitou esta mañá o Roadshow Movistar Galicia, que nos vindeiros meses pasará por unha decena de municipios da provincia

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, visitou hoxe en Coirós o Roadshow Movistar Galicia, a aula móbil que ten por obxectivo achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural e dar a coñecer os avances do Plan de Banda Larga do Goberno galego. No acto estivo acompañada polo alcalde do municipio, Francisco Quintela.

A máxima representante do Goberno galego na provincia destacou a importancia de informar aos cidadáns dos avances na súa localidade do Plan de Banda Larga, impulsado desde a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e de fomentar o uso de Internet, “divulgando as vantaxes que proporciona no día a día tanto para os propios veciños como para as empresas”. “O acceso á banda larga de calidade permite aos galegos extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías como dinamizadoras económicas e xeradoras de competitividade e innovación nos diferentes sectores produtivos”, apuntou Do Campo.

No caso de Coirós, indicou a delegada territorial, o Plan de Banda Larga proporcionou cobertura a máis 1.600 habitantes que carecían de conexión a Internet, o que supón o 96,81% da poboación do municipio. Hai dous anos a cifra apenas chegaba ao 40% e as previsións do departamento autonómico é que esta se incremente á práctica totalidade da poboación a finais de 2013. A porcentaxe restante cubrirase vía satélite.

No Roadshow Movistar Galicia os veciños da localidade poderán aprender a través de distintas demostracións como levar a cabo unha compra online, solicitar unha cita médica, facer uso da sede electrónica da Xunta realizar trámites coa Administración ou consultar todo tipo de información dispoñible na rede. A aprendizaxe realízase de maneira gratuíta a través dos 18 postos con ordenador cos que conta a aula móbil e está guiada en todo momento por persoal especializado de Telefónica.

O obxectivo desta actuación do Plan, adxudicada a Telefónica en setembro pasado, é dotar de acceso á rede a máis de 11.300 núcleos do rural galego de aquí a 2013, beneficiando preto de 250.000 persoas. Para o seu despregamento, Telefónica utiliza a tecnoloxía 3 G-UMTS na banda de 9MHz, con gran capacidade de propagación en zonas cunha orografía complexa e capaz de alcanzar velocidades de ata 7 megas.

O autobús do Roadshow Movistar Galicia chegou a Coirós despois de percorrer outros municipios da provincia, como Cambre, Outes e Betanzos. No periplo que realizará por toda Galicia ata o 13 de maio, visitará outras localidades coruñesas. Así, o 12 e 13 de marzo estará en Fisterra e o 14 e o 15, en Mazaricos. No mes de abril, acudirá a Cedeira, Cabanas e Narón e, en maio, a Abegondo.

O Plan reduciu en máis da metade os galegos sen cobertura na Comunidade

A día de hoxe, grazas as accións do Plan de Banda Larga son xa máis de 422.000 os galegos que poden acceder a internet e que ata agora non tiñan acceso a ese servizo. En 2011 o Plan permitiu que a porcentaxe de galegos con acceso á rede chegase a preto do 90% fronte ao 70% existente en 2009.