Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A APP “Teclado galego para Android” gaña o primeiro concurso Faite Dixit@l! de aplicacións móbiles, organizado pola Amtega

Permite integrar en dispositivos móbiles un teclado especificamente desenvolvido para a escritura en galego cun dicionario incorporado para a predición do texto.

Presentáronse un total 12 aplicacións, das que 4 foron recoñecidas con diplomas pola súa calidade en vertentes como negocio, valor social, deseño ou usabilidade.

Coa entrega de premios péchase a iniciativa de capacitación tecnolóxica ‘Faite Dixit@l!’, que arrincou o pasado mes de setembro.

En catro meses realizáronse 180 actividades nas que participaron 2.000 persoas

 A aplicación ‘Teclado galego para Android’ foi a gañadora do ‘Primeiro Concurso Faite Dixit@l de Aplicacións Móbiles’, unha das actividades do proxecto de capacitación dixital ‘Faite Dixit@l!’, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con Fundetec.


A app gañadora, creada por Álvaro Ordóñez, permite integrar en dispositivos móbiles un teclado especificamente desenvolvido para escritura en idioma galego, que incorpora ademais un dicionario nesta lingua para facilitar a predición do texto. O xurado destacou a orixinalidade e innovación da aplicación, a súa usabilidade, o uso integrado doutros dispositivos do terminal, a solidez técnica da aplicación e a satisfacción co seu uso dunha necesidade social.

Premio e recoñecementos
Ademais este primeiro premio, dotado cun computador portátil convertible en Tablet, cedido por Hewlett-Packard, foron concedidos catro diplomas para premiar a calidade das aplicacións noutros tantos aspectos.

O diploma á mellor perspectiva de negocio recaeu na aplicación ‘Captura de datos de fabricación baseada en lectores NFC’, de Jesús Alfonso López; o diploma á maior utilidade dunha aplicación para a sociedade foi para a aplicación ‘Petróglifos de Galicia’, deseñada por Carmen Lago; o diploma ao mellor deseño foi para a aplicación ‘Creappcuentos’, presentada por Avelino Correa; e o diploma para o mellor uso e máis sinxelo manexo foi para ‘Rutea’, desenvolvida por Roi Barcala Domínguez.

A entrega dos premios correu a cargo Mar Pereira, directora da Amtega Alfonso Arbaiza, director xeral de Fundetec; César Branco, CEO de Academia Postal; Alfredo Ferreiro, director da delegación en Galicia de Hewlett-Packard; e dous dos membros do xurado Felicitas Rodríguez Xefa de Departamento de Sociedade da Información na área de Sociedade Dixital da Amtega e Raúl Fernández, coordinador de actas e informes e responsable TIC da FEGAMP.

Máis de 180 actividades en catro meses
Coa entrega de premios péchase a iniciativa ‘Faite Dixit@l!’, da que a directora da Amtega fixo balance, desatacando que “durante os catro meses de desenvolvemento, participaron en ‘Faite Dixit@l!’ máis de 2.000 persoas en máis de 180 actividades executadas a través da rede CeMIT, cunha media de 25 centros noutras tantas localidades en cada unha de elas”.

Mar Pereira destacou que con esta iniciativa de capacitación dixital se complementao Plan de formación das aulas CeMIT. Unha rede que suma 98 aulas en 92 concellos, e que está presente nas 53 comarcas galegas. En tres anos leva impartida máis de 144.000 horas de formación TIC gratuíta e conta con máis de 42.400 usuarios rexistrados.

Como actividades externas á rede compartíronse actividades con diversas entidades como a asociación de redeiras de Malpica e Corme, os Grupos de Desenvolvemento Rural ‘Adercou’, na comarca de Ourense, e de Limia, para os veciños de Vilar de Barrio e Trasmiera, e a federación de Escolas Familiares Agrarias de Galicia. Celebráronse, ademais, cinco faladoiros dixitais con 25 expertos que compartiron as súas experiencias e coñecementos en temas como a innovación social dixital, a impresión 3D, a marca persoal e a identidade dixital, as aplicacións móbiles e o internet das cousas, con máis de 200 asistentes.

Último faladoiro de Faite Dixit@l
Previa á entrega de premios celebrouse o último faladoiro dixital dos 5 programados dentro do proxecto ‘Faite Dixit@l!’, un seminario de expertos sobre o ‘Internet das cousas’, no que se debateu sobre como poden os obxectos de uso cotián, conectados a internet, facer máis cómoda e sinxela a vida diaria dos seus usuarios. Nesta xornada participaron Marcos Saavedra, cofundador do estudo técnico VermisProject; José María Ruiz, CEO de SMARTtEK, empresa dedicada á fabricación de dispositivos conectados intelixentes; Miguel Ángel Montero, membros da comisión eSalud de AMETIC; Rodrigo Martínez, xefe de proxectos de Instituto Tecnolóxico Hostaleiro; e Ismael Faro, asesor e mentor tecnolóxico. o evento foi moderado por Jorge Martín, Xestor de Comunidades de software libre de Cenatic.