Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A aposta de Galicia polo 5G permite visitar a Praza do Obradoiro en tempo real desde calquera lugar do mundo

• É un dos preto de 30 pilotos de servizos avanzados baseados nesta tecnoloxía que se están a realizar na Comunidade
• Desenvolvido por Orange, o piloto de visita virtual presentado hoxe facilita ao usuario a sensación dunha visita real, grazas á técnicas de realidade virtual e aumentada e ao uso de cámaras 360º
• Galicia foi a primeira comunidade do Estado en poñer en marcha un plan para situarse como territorio preferente no pilotaxe servizos innovadores con esta tecnoloxía
• O 70% das probas están terminadas ou na súa recta final e abranguen ámbitos como na saúde, o turismo, a automoción, as emerxencias, o naval ou a industria 4.0


Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación dun dos preto de 30 pilotos 5G que se están a desenvolver en Galicia. Trátase dunha solución innovadora con aplicación no ámbito turístico que permite realizar visitas virtuais á Praza do Obradoiro desde calquera lugar do mundo en tempo real.  
 
Grazas á instalación de cámaras 360º, situadas nun lugar destacado dese punto crave do turismo na cidade, retransmítese imaxes de moi alta resolución da praza e da fachada da catedral ás que, ademais, se aplican técnicas de realidade virtual, o que proporciona ao usuario a sensación dunha visita real.
 
Calquera persoa con cobertura 5G poderá visualizar desde a súa tablet ou dispositivo móbil as imaxes 360º en tempo real e con realidade aumentada, de xeito que terán a sensación de trasladarse á mesma Praza do Obradoiro.
 
Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar as experiencias turísticas á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán  exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía. Así, grazas ao 5G, poderanse descargar grandes cantidades de información a gran velocidade e interactuar de forma virtual e en tempo real debido á baixa latencia da tecnoloxía.
 
 
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, que participou xunto co alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García, e o responsable de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange, Óscar Aragón,  lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión da tecnoloxía 5G.
Este posicionamento contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións ás propostas presentadas por Orange e Telefónica de realizar pilotos 5G en Galicia que, xunto ás  que se promoveron desde o  Nodo do Plan Galicia 5G, suman preto 30 casos de uso desta tecnoloxía en Galicia cun importe de 23 millóns de euros e no que participan arredor de 40 entidades. 
 
A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final. Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados ámbitos  como a atención sanitaria, a educación, na xestión de incendios, a industria, na automoción no audiovisual ou o turismo, entre outros.
 
Neste sentido, Mar Pereira sinalou que o seguinte paso será a avaliación destes 30 casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos públicos e dos diferentes sectores produtivos.
 
Por outra banda, a directora da Amtega lembrou que a Xunta vén de lanzar un acordo marco de 30 millóns para incorporar o uso das tecnoloxías disruptivas ao sector público, incluíndo unha fase inicial de pilotaxe e avaliación e unha fase posterior de  implantación e despregamento. O compromiso é que a tecnoloxía  que  se incorpore debe pasar, previamente, unha fase de avaliación que garanta non só a súa utilidade senón a súa sustentabilidade futura
 
Galicia, territorio 5G
A directora da Amtega destacou que na Comunidade conformouse un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que formamos o territorio escollido para  a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foron das primeiras cidades de España en contar con redes 5G.
 
A responsable autonómica recalcou que a Administración autonómica fixo unha forte aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G “porque esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e polo tanto é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.