A Amtega publica como software libre novas versións do seu arquetipo para desenvolver aplicacións web

Venres 05 de Abril de 2019

A Amtega publica como software libre novas versións do seu arquetipo para desenvolver aplicacións web

• Ofrece unha base sobre a que construír novas aplicacións web e facilita a publicación como software libre das novas solucións que o empreguen
• A liberación deste arquetipo facilita a súa reutilización por parte doutras administracións e de calquera outra entidade ou particular, así como a colaboración para a súa mellora

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica como software libre novas versións do seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de aplicacións web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/archam-spw/).

Esta liberación ofrece unha versión do arquetipo para o desenvolvemento de aplicacións web, que inclúe diversas melloras. Ademais, tras o interese despertado, publícanse tamén dúas novas versións do arquetipo especificamente adaptadas a dous dos servidores de aplicacións web máis empregados na actualidade, Apache Tomcat e WebLogic.

A nova versión xeral liberada, a 1.5.0, inclúe tamén a actualización de diversos compoñentes transversais que xa foran liberados xunto coa primeira versión do arquetipo e que agora se actualizan tamén con novas melloras. Estes compoñentes que se empregan normalmente co arquetipo poden ser empregado tamén de xeito individual e reutilizados en moitos casos de uso.

Arquetipo de aplicacións Java Spring Web
Spring é un entorno de traballo, para desenvolver aplicacións web usando a linguaxe de programación Java. O arquetipo pódese entender como un esqueleto común para a realización de aplicacións, que inclúe xa unha base a partir da cal se poden desenvolver funcionalidades máis específicas.

Este arquetipo xurde como un obxectivo interno de homoxeneizar e estandarizar todos os desenvolvemento realizados con esta tecnoloxía, cumprindo tamén cos estándares Java da Amtega o que facilita tamén o traballo aos provedores tecnolóxicos, e fomentar tamén na comunidade o desenvolvemento e reutilización de compoñentes transversais.

Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega, quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).