Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Amtega pon en marcha a quinta edición do programa ‘Tecnólog@ por un día’ con máis de 60 prazas para estudantes de 12 a 17 anos

• Dende hoxe e ata o 3 de novembro os docentes dos centros educativos poden inscribir aos seus alumnos e alumnas no programa
• Os participantes compartirán unha xornada de traballo con profesionais das empresas tecnolóxicas que colaboran na iniciativa
• A esta actividade súmanse outras dúas, Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, ambas iniciativas do Plan DigiTalent para fomentar as vocacións tecnolóxicas ente os máis pequenos


A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que volve a ofrecer a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia DigiTalent.

Nesta edición, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa Amtega, posibilitarán a experiencia de acoller a “Tecnólog@s por un día”: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Corporación Televés.

A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector. 
 
Un ano máis, máis tecnólog@s
Ata o 3 de novembro permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar da actividade, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada empresa colaboradora no programa, así coma a súa localización.

Na mesma web tamén se atopa dispoñible a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo, e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e horario da xornada que resulte conveniente para ambos.

Durante os meses de novembro e decembro, as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes, que poderán coñecer así de primeira man as dinámicas das profesións TIC, e participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.

Nova edición de DigiTalent, con actuacións dirixidas á infancia e á adolescencia
A nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022 segue a poñer o foco en desenvolver iniciativas que esperten as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás. 

Neste senso, o catálogo do Plan activa novas actividades neste outono para impulsar o talento dixital entre os máis pequenos: Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, dúas iniciativas impulsadas pola Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) enmarcadas nun convenio subscrito para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.

Ciberseguranza Kids, difundindo a ciberseguridade entre os máis pequenos
Ciberseguranza Kids busca difundir o uso seguro de internet entre  nenos e nenas de entre 3 e 12 a través do contacontos “Ciberseguridade con Sofía”. A actividade está a percorrer máis de 15 centros escolares das catro provincias galegas e rematará coa publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.   

Nova edición de Encontros con Profesionais TIC
Ademais, xa está en marcha o programa Encontros con profesionais TIC, que ofrece aos rapaces e rapazas de 6 a 18 anos encontros en streaming con profesionais do ámbito tecnolóxico aos que lles poden formular as súas preguntas e inquedanzas sobre temas como a intelixencia artificial, o desenvolvemento de software ou a informática na saúde. 

Toda a actualidade sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web Digitalent, que ofrece información actualizada sobre as datas, localizacións e instrucións para a participación sobre as actuacións a medida que estea dispoñible.