A Amtega lanza en YouTube dúas novas vídeo-experiencias de empresas galegas que incorporaron solucións TIC aos seus modelos de negocio

Venres 30 de Setembro de 2016

A Amtega lanza en YouTube dúas novas vídeo-experiencias de empresas galegas que incorporaron solucións TIC aos seus modelos de negocio

Veraleza e Termaria únense a este proxecto para contar as vantaxes de implantar as novas tecnoloxías nas súas organizacións

Os vídeos estarán accesibles tamén na sección de Experiencias TIC do Centro Demostrador TIC

Xa están dispoñibles na canle de youtube da Amtega dúas novas vídeo-experiencias do ciclo que puxo en marcha o Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para difundir como a transformación dixital das pemes axuda a mellorar a súa eficiencia e a súa competitividade. Trátase de Veraleza, compañía de flores e plantas con sede en Tomiño que opera en España e Portugal, e Termaria, un centro dedicado ao lecer, a relaxación, o deporte e a saúde situado na cidade da Coruña.

Veraleza narra no seu vídeo (https://www.youtube.com/watch?v=LfmG4voqik8) como o emprego de Facebook lles está a axudar como canle para captar potenciais clientes na organización de eventos. No caso de Termaria (https://www.youtube.com/watch?v=_d71JbtVI1k), están a empregar unha solución tecnolóxica que lles permite reducir os custos enerxéticos e reducir o impacto ambiental.

Este ciclo, que ten previsto publicar un total de 12 vídeo-experiencias, ten como obxectivo impulsar o emprego dixital e as novas tecnoloxías a través de casos de éxito reais de empregas galegas.

Experiencias de todos os sectores

Ata o momento un total de seis pemes expuxeron xa o proceso e as vantaxes de incorporar solucións tecnolóxicas nos seus modelos de negocio. Son pezas breves en formato de entrevista, nas que un directivo da empresa conta en primeira persoa que tipo de solución TIC integrou de maneira satisfactoria no seu negocio e como favoreceu a mellora e o bo funcionamento do mesmo. O ciclo recolle experiencias de diferentes sectores:

Gadiex Placotec S.L., (https://www.youtube.com/watch?v=IrYZqKwgrHg) con sede en Vigo e dedicada ao illamento e tabiquería seca de distribución, conta no seu vídeo como a implantación de OwnCloud favoreceu a mellora e o bo funcionamento do seu negocio.

Pola súa banda, SienteGalicia (https://www.youtube.com/watch?v=xocm-GKNblc), portal dedicado á venda de escapadas, vacacións e experiencias de lecer, e Viña Costeira, adega de viticultores localizada en Ribadavia, explican como a implantación dun sistema CRM axudou a mellorar os beneficios das súas empresas.

Por outro lado, todotaladros.com (https://www.youtube.com/watch?v=IWiKQeMwrug), radicada na localidade de Sada, comparte na vídeo-experiencia os beneficios que supón ter un socio tecnolóxico que lle dea soporte á empresa en materia TIC.

No caso de LV Vogue (https://www.youtube.com/watch?v=4PPUN2hUXnU), empresa de calzado que naceu na Coruña pero que xa conta con sedes nas principais cidades galegas e mesmo fóra de Galicia, o seu vídeo fala da importancia do marketing dixital para mellorar o servizo e gañar máis clientes.

Viña Costeira, recoñecida Bodega do Ribeiro, tamén participa nesta iniciativa (https://www.youtube.com/watch?v=9w_ojd7YSyk) compartindo a súa experiencia na utilización de solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade da uva dos seus viñedos.

Por último, TGM Toldos Gómez (https://www.youtube.com/watch?v=9w_ojd7YSyk), situada en Arzúa, narra na súa vídeo-experiencia as vantaxes do emprego de dispositivos móbiles para os seus comerciais, integrados cun programa de xestión ERP.

Dixitalización, o reto das pemes

A dixitalización empresarial é un dos retos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e un desafío inaprazable para as pemes; por unha parte, aumenta a eficiencia do sistema de xestión e do labor dos empregados e, por outra, cada vez máis clientes demandan servizos dixitais, sinxelos e rápidos. Mostrar e fomentar o emprego das novas tecnoloxías é a principal tarefa do CDTIC, polo que esta vez aposta por contido audiovisual e atractivo para dar a coñecer os beneficios e as vantaxes relacionados coa introdución de software e sistemas de xestión dixital no tecido empresarial.