A Amtega inicia un ciclo formativo sobre Administración electrónica para responsables da rede CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais

Mércores 06 de Setembro de 2017

A Amtega inicia un ciclo formativo sobre Administración electrónica para responsables da rede CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais

As xornadas “Faite Dixit@l e tramita nun clic” son o paso previo para organizar actividades nas aulas CeMIT sobre o uso da eAdministración para cidadáns e empresas
Comezan en Lugo o día 12 e desenvolveranse nas catro provincias galegas ao longo deste mes
Os interesados en asistir poden inscribirse a través do portal de CeMIT

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este mes un ciclo formativo sobre Administración electrónica dirixido a responsables das aulas CeMIT, persoal de concellos e aliados dixitais. Baixo o título “Faite Dixit@l e tramita nun clic” desenvolveranse xornadas prácticas nas catro provincias galegas.

Os asistentes recibirán formación específica sobre os principais servizos dixitais que ofrece a Administración autonómica como o Chave 365 e outros sistemas de identificación e sinatura electrónica; como empregar a sede electrónica da Xunta, ou como acceder ao sistema de notificacións electrónicas Notifica.gal.

Cos coñecementos adquiridos, posteriormente organizaranse na Rede CeMIT actividades formativas para espertar o interese e reforzar a confianza das persoas no uso dos servizos públicos dixitais e conseguir que a cidadanía se beneficie das vantaxes  de realizar os seus trámites coa Administración por Internet.

Adicionalmente, porase a disposición de todos os participantes os contidos formativos tratados nas xornadas a través da plataforma de teleformación EMA.

Inscrición e datas

O próximo 12 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 celebrarase na Aula de informática da Delegación Provincial de Lugo (Ronda da Muralla, 70, 1º andar) a primeira das xornadas organizadas pola Amtega “Faite Dixit@l e tramita nun clic”.

As persoas interesadas en adquirir coñecementos en Administración Electrónica e en organizar actividades formativas sobre esta temática na rede de aulas CeMIT poderán inscribirse cubrindo o seguinte formulario:  https://cemit.xunta.gal/frm_xornadas_sede.

Ao longo do mes, realizaranse outras sesións no resto de provincias en horario de mañá:

Ourense: 14/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial de Ourense (Av. da Habana 79, 2 Ourense)
Pontevedra: 20/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial de Pontevedra (Avenida Fernández Ladreda 43, 9ª planta  Pontevedra)
A Coruña: 25/09/2017 na Aula de informática da Delegación Provincial da Coruña (Edificio Administrativo de Monelos Praza Luis Seoane, s/n - A Coruña)