A Amtega inicia este luns o curso de formación preparatorio para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

Domingo 28 de Febreiro de 2021

A Amtega inicia este luns o curso de formación preparatorio para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática da Xunta

• As 180 persoas matriculadas nesta convocatoria terán que superar un exame presencial, tras o seguimento do curso preparatorio na modalidade de teleformación titorizada
• A finais do mes de marzo abrirase unha nova convocatoria de probas de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios adquiridos por calquera outra vía ou por autoformación
• O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inicia este luns 1 de marzo a formación das 180 persoas que se matricularon nestes días no curso de teleformación preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar no mes de maio, unha vez rematada a devandita formación.

O curso de preparación de 190 horas de duración impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a Internet para seguir a formación desde calquera lugar e en calquera momento.

En canto ao perfil das 180 persoas matriculadas, seleccionadas de entre 2.545 solicitudes de inscrición, saliéntase que a media de idade é de 40 anos e que unha gran maioría son mulleres (149 mulleres por 32 homes).

En canto á procedencia, seguen a ser maioritarias as domiciliadas nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 93 e 49 participantes respectivamente, fronte ás 27 persoas da provincia de Lugo e as 11 procedentes de Ourense.

Lémbrase tamén que as persoas demandantes de emprego ou cunha discapacidade igual ou superior ao 33% gozaron de exención no pagamento das taxas de exame. Das 180 persoas matriculadas, 62 son demandantes de emprego e 8 son persoas con discapacidade.

Plan formativo ofimático de Galicia
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

Sistema operativo, busca da información: Internet/intranet e correo electrónico (30 h)
Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 h)
Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 h)
Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer (30 h)
Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 h)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da Rede CeMIT, baixo a modalidade de autoformación.

Próxima convocatoria de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de formación da Rede CeMIT para este ano 2021, que terá a súa continuación con novos exames presenciais neste primeiro semestre para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios —ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou por que opten pola modalidade autoformativa-, ata chegar a un número superior ás 1.500 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no devandito plan.

Desde a habilitación da Rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 9.200 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.839 en cursos de teleformación titorizada e 6.392 en probas presenciais de acceso libre) e 4.200 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas convocadas nas aulas da Rede CeMIT.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de aula aberta, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.