A Amtega e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia abren o prazo de inscrición para un curso online dirixido aos delegados de protección de datos

Mércores 03 de Xuño de 2020

A Amtega e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia abren o prazo de inscrición para un curso online dirixido aos delegados de protección de datos

• Celebrarase as dúas últimas fins de semana de xuño en horario de venres pola tarde e sábados pola mañá
• O curso ofrece unha formación especializada para os profesionais que desempeñan a súa función como DPD ou que queiran exercer esta responsabilidade no futuro

Hoxe ábrese o  prazo de inscrición para o curso “O día a día do DPD”, que dará comezo o 19 de xuño organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega. 

O curso, que será impartido na modalidade online pola Asociación Española para a Calidade, AEC, está estruturado en catro sesións que se celebrarán as dúas últimas fins de semana de xuño, os días 19, 20, 26 e 27, en horario de venres pola tarde e sábados pola mañá. 

Os contidos do curso abordarán ao longo das catro sesións o principio de accountability no RGPD e a súa aplicación á figura do delegado de protección de datos (DPD); os primeiros pasos a seguir unha vez asumida a responsabilidade do nomeamento de DPD; as funcións do DPD e a xestión documental; para rematar con dous casos prácticos de gran actualidade, como son a intervención do DPD ante unha fenda de seguridade e as negociacións con interesados.

Esta formación está dirixida a aqueles profesionais que xa desempeñan a responsabilidade de DPD ou que se preparen para facelo nun futuro; así como responsables de seguridade TIC; persoal das oficinas de seguridade, auditores internos ou externos, consultores, avogados e, en xeral, profesionais interesados en adquirir coñecementos en materia de privacidade e seguridade.

Obxectivos
O curso ten como obxectivo proporcionar unha formación especializada e facilitar materiais e casuísticas prácticas de gran utilidade para os profesionais que desempeñan a súa función como DPD ou que queiran exercer esta responsabilidade no futuro.

As persoas participantes accederán a información exhaustiva sobre os instrumentos para a xestión documental das tarefas derivadas das funcións asignadas ao DPD, conforme ao principio de accountability ou “rendición de contas”.

Formadores
A formación será impartida por Javier Villegas Flores e Francisco Ramón González-Calero Manzanares, profesionais de Govertis Advisory Services, expertos no campo xurídico e tecnolóxico.

As persoas interesadas no curso poden acceder a unha información completa do programa e formalizar a súa inscrición en https://diaadiadpd.eventbrite.es.