A Amtega e HPE celebran o I Hackathon Big Data & Analytics os días 25 e 26 de novembro no Gaiás

Domingo 13 de Novembro de 2016

A Amtega e HPE celebran o I Hackathon Big Data & Analytics os días 25 e 26 de novembro no Gaiás

O reto do encontro é formular solucións dixitais que permitan ao negocio dun centro comercial adaptar a súa oferta aos perfís dos clientes en base a unha análise previa de datos dos seus movementos
A iniciativa enmárcase nos compromisos do Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise de potenciar e desenvolver o sector TIC galego
Os participantes asistirán a unha comida networking con persoal do CEIN e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE

O Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio de Hewlett Packard Enterprise (CEIN) en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Situm Technologies, convoca  a  primeira edición do Hackathon Big Data & Analytics HPE, que terá  lugar os días 25 e 26 de novembro de 2016 na sede das súas oficinas na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela.

Este Hackathon nace do compromiso do CEIN de potenciar e desenvolver o sector TIC galego, involucrando a un equipo de analistas, investigadores, universitarios, emprendedores e todo tipo de persoas con inquietudes tecnolóxicas en Big Data & Analytics  para que compitan durante dous días no desenvolvemento de solucións dixitais a partir dos datos de localización da traxectoria de clientes nun centro comercial.

As solucións desenvolvidas polos participantes deberán permitir analizar e comprender o comportamento dos clientes, facendo dispoñibles as conclusións da análise aos negocios situados no centro comercial para que poidan adaptar a súa oferta de produtos e servizos e explorar novas vías de atracción de clientes.

Os integrantes dos equipos inscritos no I Hackathon Big Data & Analytics HPE  participarán nunha comida networking con persoal do CEIN o sábado 26 na cantina da Cidade da Cultura e recibirán un diploma acreditativo de participación emitido por HPE.

Ao peche do evento, cada equipo presentará a súa solución e un xurado experto avaliará e seleccionará aos gañadores nas seguintes categorías:

Mellor solución global
Iniciativa máis innovadora
Mellor proposta de valor

Os gañadores serán elixidos por un xurado multidisciplinar formado por colaboradores do CEIN e profesionais doutros sectores afíns á finalidade da convocatoria.O horario do Hackathon será de 18:00 a 20:00 horas o primeiro día e de 9:00 a 20:00 horas o segundo.

Todos os interesados en participar no evento poden atopar información detallada sobre o mesmo, así co formulario de inscrición en http://hackathon-cein.com/.

Pacto Dixital de Galicia

Hewlett Packard Enterprise é unha das 13 empresas asinantes do Pacto Dixital de Galicia, no que asumiron o compromiso de colaborar coa Administración autonómica para situar á Comunidade como un referente tecnolóxico na atracción de investimentos, o desenvolvemento de proxectos con potencial tractor e a internacionalización das pemes.