Novas

Formulario de busca

Fondos

NovasNovas

Formulario de busca

cierra cierra

A Amtega e Agasol organizan un ciclo de charlas con mulleres líderes en ciencia e tecnoloxía para impulsar as vocacións STEM

• Esta iniciativa, enmarcada no Plan Digitalent, ofrece do 4 ao 14 de outubro diversos encontros dirixidos a estudantes de ESO, especialmente ás rapazas
• Na iniciativa participarán referentes como Monsterrat Guardia (Directora de Servizos Dixitais do Banco Sabadell); Yaiza Rubio (Analista de Intelixencia de ‘Elevens Paths’, empresa de ciberseguridade de Telefónica); Mar Capeáns (Científica senior no CERN-Centro Europeo de Investigación Nuclear); e Beatriz Martínez (Enxeñeira de Solutions Architets na sección de Cloud e Infraestrutura de RED HAT).
• Búscase incentivar a vocación das rapazas nas carreiras científicas e tecnolóxicas, onde as mulleres tan só representan o 25% das persoas matriculadas


A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), poñen en marcha a segunda edición do programa 'GIRL STEM: derrubando estereotipos', que ofrece catro encontros con mulleres referentes no ámbito tecnolóxico e científico e seis obradoiros durante o mes de outubro. É unha das iniciativas do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos. 

O obxectivo do GIRL STEM consiste en orientar e empoderar ás rapazas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Cómpre lembrar que o alumnado feminino nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), apenas se sitúa en torno ao 25%, segundo os datos achegados polo Informe ‘El Desafío de las Vocaciones STEM’ publicado hai unha semana pola Asociación Española para a Digitalización DigitalES.

Do 4 ao 14 de outubro GIRL STEM ofrecerá  diversos encontros entre rapazas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnólogas referentes nos seus sectores. Ademais dos encontros, levaranse a cabo seis obradoiros en centros de primaria, nos que se desenvolverán dinámicas orientadas a familiarizar ás nenas e nenos coa ciencia e normalizar o seu coñecemento e o seu uso dentro de xogos e actividades cotiás. 

Mulleres líderes en Ciencia e Tecnoloxía
Na selección das mulleres referentes tívose en conta a súa actividade profesional no ámbito TIC, valorando aspectos como a notoriedade da súa traxectoria, así como a súa repercusión mediática, o seu liderado e participación en proxectos innovadores e habilidades para a motivación grupal. 

Montserrat Guardia (4 de outubro na Coruña) | Experta en blockchain, unha das tecnoloxías que maior impacto social terá nos próximos anos, é neste momento a directora xeral de Alastria, o consorcio de Blockchain no que participan máis de 420 membros de primeira liña procedentes da industria, o sector público e o mundo académico de España. Anteriormente foi directora xeral de Banco Sabadell, a quinta entidade financeira más grande de España. Acumula máis de 20 anos traballando en novas tecnoloxías e participando na transformación dixital de grandes compañías, como Technip, SchlumbergerSema, e de grandes eventos, como os Xogos PanAmericanos 2007 e o Mundial de Fútbol de 2002. 

Yaiza Rubio (9 de outubro en Ourense) | É analista de Intelixencia en Elevens Paths (a unidade de ciberseguridade de Telefónica). Ten pasado por importantes empresas no ámbito da intelixencia como S21 ou Isdefe. Ademais é membro do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e colaboradora do Centro de Análise e Prospectiva da Gardia Civil. É docente universitaria en cursos de posgrao sobre análise de intelixencia, seguridade e fontes abertas. Publicou xunto a Félix Brezo o libro ‘Bitcoin; a tecnoloxía blockchain e a súa investigación. Participou como poñente en prestixiosas convencións de hackers como DefCON e Black Hat.

Beatriz Martínez (11 de outubro en Lugo) | Cunha dilatada experiencia no sector das telecomunicacións, Beatriz intégrase no equipo de Solutions Architets de RED HAT para apoiar as actividades de Cloud e Infraestrutura. A súa traxectoria profesional multidisciplinar, ocupando diferentes posicións na industria, permitíronlle desenvolverse e comprender os diferentes retos e necesidades do cliente tanto no desenvolvemento técnico como de negocio.

Mar Capeáns (14 de outubro en Pontevedra) | É científica senior no CERN (Xenebra, Suiza), onde leva liderando distintos grupos de traballo desde 1992, e onde actualmente exerce como Coordinadora Técnica das melloras tecnolóxicas do experimento LHC, coñecido popularmente como acelerador e colisionador de partículas, un proxecto fundamental dentro do campo da investigación nuclear. Ten publicado máis de 450 artigos científicos no campo da Física de Altas Enerxías e a instrumentación, é editora da revista Journal of Instrumentation (JINST) e participou como asesora en Consellos Científicos e na avaliación de finaciamento competitivo de programas de Física de partículas a nivel internacional e para programas da Comisión Europea.

Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación) a medida que estea dispoñible.